18 de set. de 2024

O ROSAL

O Rosal abre as portas ao ciberespazo para a mocidade cun campamento dixital   

 Concello e Fundación Cibervoluntarios poñen en marcha unha actividade gratuíta para que rapazada de 9 a 17 anos se achegue a internet dun xeito útil, creativo, seguro e responsable 

 


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal aposta polo futuro dixital da súa mocidade coa chegada do Campamento Dixital, unha proposta formativa en informática posta en marcha pola OMIX do Concello do Rosal en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios para achegar á rapazada a internet dun xeito útil, creativo, seguro e responsable. Serán 30 horas de actividades gratuítas que se desenvolverán do 7 de outubro ao 21 de novembro coas que se busca preparar aos máis novos e novas para o futuro dixital. 

 Como sinala o concelleiro de Novas Tecnoloxías e Xuventude, Alejandro González, “queremos que a nosa mocidade teña as ferramentas necesarias para mergullarse na era dixital dun xeito seguro e controlado. As novas tecnoloxías son unha realidade e debemos poñer ao alcance da nosa rapazada este tipo de formación que lles permita adquirir as competencias dixitais necesarias para o seu desenvolvemento persoal, educativo e incluso profesional”.  

 Con certificado DigComp, este obradoiro impartirase para dous grupos de idades diferenciados, con contidos adaptados a cada franxa. Os luns e mércores estarán reservados para o alumnado de 9 a 13 anos, e os martes e xoves será a quenda dos mozos e mozas de 14 a 17 anos. Todas e todos eles terán a oportunidade de aprender a empregar internet dun xeito responsable e produtivo de 16.00 a 18.00 horas na aula municipal de informática, situada a carón do comedor da Mata.  

 Haberá prazas limitadas e as persoas interesadas en participar poden inscribirse xa ata o 30 de setembro no Rexistro do Concello, ben de forma presencial ou por teléfono chamando ao 986 62 50 00.  

 Trátase dunha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia, financiado con fondos Next Generation da Unión Europea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario