16 de set. de 2024

TOMIÑO

Tomiño rendeu homenaxe á Tena de Vilachán do Monte, exemplo de todas as mulleres do rural alicerce das futuras xeracións  

Alcaldesa e autoridades amosaron a súa admiración por unha muller símbolo de toda unha vida de loita, traballo duro e resiliencia 

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, no momento de facerlle entrega a Hortensia Expósito - a Tena de Vilachán do Monte -, do agasallo conmemorativo, no acto cívico do Alivio deste 2024
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Unha emotiva homenaxe chea de palabras de agarimo para a súa protagonista, Hortensia Expósito, a Tena de Vilachán do Monte. Tomiño celebrou esta fin de semana o seu tradicional acto cívico do Alivio nunha praza do Seixo ateigada de autoridades, familiares e veciños e veciñas que quixeron arroupar a esta tomiñesa que representa “a todas as mulleres do rural, esas que co seu esforzo, en silencio e sen pedir nada a cambio, son o alicerce das nosas casas e o facho de luz das futuras xeracións. Mulleres que non saen nos libros de historia, pero sen as que a historia non sería posible”, somo resaltou durante o acto a alcaldesa, Sandra González. 

 No seu nome, no nome da constancia e da sabedoría que se atopa só no silencio do traballo ben feito, a rexedora desexou que “o exemplo de Tena e de tantas outras mulleres anónimas do rural nos siga inspirando. Que cada unha de nós, dende o noso lugar, sigamos loitando polo noso e por aquilo no que cremos, co mesmo esforzo e dedicación que elas amosaron. E que nunca esquezamos en Tomiño o papel fundamental que estas mulleres, nais e avoas, xogaron na nosa historia”. 

 “Grazas Tena, e grazas a todas as mulleres que, coma ti, sosteñen a vida con mans invisibles, pero firmes. O camiño que vós percorréchedes é o maior dos nosos legados e o que nos anima a continuar cara ao horizonte”, louvou a rexedora. 

 Emocionada pola louvanza da súa vida feita durante o acto e o agarimo transmitido nas verbas da rexedora e do propio presentador da cerimonia, Suso Pando, na súa intervención, Hortensia Expósito, a Tena, lanzou unhas palabras de recoñecemento a todas as persoas que a acompañaron ao longo da súa vida. Nacida no tempo de guerra en Vilachán do Monte, os seus ollos foron testemuña de como as xeracións máis novas saían maleta en man camiño das Américas na procura dun futuro mellor, homes que marchaban para non regresar mentres que as mulleres quedaban na terra destinadas a servir en casas alleas e coidar os fillos doutros por un xornal. 

 Toda unha vida de traballo, sacrificio e esforzo permanente pola súa familia, pero tamén polo ben común. Porque foi Tena xunto coas mulleres da época as que tronzaron con cortafogos, de arriba a abaixo, as plantacións de pinos da Forestal; elas as que fixeron quilómetros de regos das traídas dende o nacente preto de Pinzás ata as vivendas de Vilachán  para que a auga chegara ás casas. Dende a súa humuldade, a Tena sinte que non fixo nada destacado, “só o que fixemos todas as mulleres naquela época: traballar duro e tirar adiante”. 

 E fixeron moito. “As mulleres do rural manteñen fogares, sosteñen familias, fan evolucionar sociedade se pobos. Son esas que aprenderon a aceptar a dureza da terra, pero tamén toda a súa xenerosidade. E que nos deixaron en herdanza algo que debemos recoñecer como fundamental: a curiosidade, a vontade de aprender, de crecer a través do coñecemento”, recalcou Sandra González.  

 No multitudinario encontro, a alcaldesa quixo agradecer tamén o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e de Protección Civil de Tomiño polo seu traballo para poder desfrutar das Festas do Alivio; da banda da Agrupación Musical de Goián, que amenizou un ano máis o acto cívico; e, especialmente, da Comisión de Festas, “homes e mulleres que durante todo o ano se esforzan para que poidamos desfrutar das nosas festas grandes. A coordinación e o bo entendemento con eles e elas é fundamental para que todo saia o mellor posible”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario