11 de set. de 2024

O ROSAL

A praza do Calvario convértese nunha pista deportiva co I Torneo de Petanca Concello do Rosal   

 Organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, o encontro reunirá este sábado 14 a deportistas de todas as idades 




Infogauda / O Rosal

 A praza do Calvario converterase no epicentro dunha xornada chea de deporte e convivencia coa celebración do I Torneo de Petanca Concello do Rosal, un encontro que promete ser inesquecible e que reunirá este sábado 14 de setembro a deportistas de todas as idades nunha xornada deportiva e de lecer aberta a todos os públicos. 

 Organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, os diferentes equipos amosarán a súa maña e estratexia para conseguir a vitoria nas partidas que se disputarán de 09.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. Unha oportunidade de achegar á veciñanza este deporte tradicional que fomenta o compañeirismo e a participación.   

 O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, convida a toda a veciñanza a asistir e compartir este día de deporte ao aire libre, bo ambiente e integración e “a desfrutar da petanca, un deporte que une xeracións e fomenta valores como o traballo en equipo e o respecto. Para nós é un pracer colaborar co Club de Petanca O Caldeiro na posta en marcha dun torneo que de seguro terá continuidade no noso municipio”. 

Club de Petanca O Caldeiro

 Fundado na Guarda no 2018, o Club de Petanca O Caldeiro conta na actualidade con máis de 80 integrantes asociados e afeccionados. O seu obxectivo fundacional é permitir a persoas de distintas idades gozar da petanca, fomentando o deporte como factor de calidade de vida, difundindo a práctica desta modalidade, dando pulo ao traballo en equipo e tecendo vínculos entre localidades próximas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario