24 de set. de 2024

ECONOMÍA

ABANCA e as confrarías do sur de Galicia impulsan o futuro do sector pesqueiro cun novo acordo 

 A entidade financeira convoca un ano máis aos principais pósitos do sur da provincia de Pontevedra para avanzar en solucións que dean resposta ás principais demandas do sector 

 O banco ofrece aos pescadores unha proposta de valor única no sector, a través da unidade especializada ABANCA Mar, con produtos deseñados para resolver as súas necesidades


Representantes das confrarías e de ABANCA, esta tarde en Vigo
Foto: Cedida

Infogauda / Vigo

 Nun contexto de cambios e incerteza na industria pesqueira, ABANCA dá un paso adiante no seu compromiso co sector mediante un novo acordo financeiro asinado hoxe coas principais confrarías do sur de Galicia. O convenio ten como obxectivo proporcionar solucións financeiras adaptadas aos retos actuais, desde a renovación da frota ata a remuda xeracional, co fin de seguir apoiando o desenvolvemento estratéxico e sostible dun dos sectores clave para a economía galega.  

 Celebrado na sede institucional de ABANCA en Vigo, o acto de firma converteuse nun espazo para debater o futuro da pesca e os seus novos horizontes. Coa participación de líderes das confrarías e a presenza do director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, entre outros, a conversación virou ao redor dun obxectivo común: asegurar que o mar siga sendo fonte de riqueza e vida para as comunidades costeiras.  

 ABANCA e as confrarías identificaron a remuda xeracional como un dos principais retos a abordar. Así, o convenio inclúe medidas específicas para atraer novos profesionais ao sector. Ademais, contémplanse solucións financeiras clave para mitigar o impacto da caída de vendas debido á baixa produtividade das rías galegas nos últimos meses, así como para cubrir as necesidades operativas diarias, afrontar o incremento de custos e superar as dificultades derivadas das pesqueiras.  

 Doutra banda, o banco continúa coa súa aposta pola mellora da sostibilidade e a eficiencia enerxética no sector a través de procesos como a renovación da frota, de vital importancia. Para que isto sexa posible, volve habilitar ás confrarías e os seus membros produtos como a hipoteca naval. Desta forma, poderán contar con embarcacións que sexan máis modernas, eficientes e respectuosas co medio ambiente.  

 Nesta liña, o acordo inclúe ademais préstamos anticipo, sen comisións nin xuros, destinados a fomentar investimentos en sotibilidade, eficiencia enerxética, biodiversidade e mellora do impacto climático.  

 O acordo non se limita ao financiamento, senón que crea un espazo de colaboración continua entre ABANCA e as confrarías. Ambas as partes comprométense a seguir traballando de maneira conxunta para abordar os retos actuais e tratar outros asuntos relevantes para o sector, como a limitación das cotas de pesca, o impacto das normativas europeas ou os cambios nos hábitos de consumo, co propósito de seguir desenvolvendo solucións que respondan as necesidades do colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario