9 de set. de 2024

A GÁNDARA (A GUARDA)

"OS ALONSO", GAÑADORES DO XV TORNEO DE CACHIZA FESTAS DAS MERCEDES  

 "Os Pequeños", foron os subcampións


De esq. á der.: Esteban Vicente Rodríguez - veciño de A Gándara e veterano practicante de cachiza -; Roberto José Álvarez Carrero, alcalde de A Guarda; a parella "Os Alonso", gañadores do XV Torneo de Cachiza -; e Isidro Lomba Lorenzo, concelleiro de  Infraestructuras,Vías e Obras, Servizo Cidadán e Personal

Fotos: Juan Carlos Gómez Martínez

Roberto José Álvarez Carrero, alcalde de A Guarda e o concelleiro Isidro Lomba Lorenzo,  coa parella "Os Pequeño", subcampións do XV Torneo de cachiza


Ricardo Rodríguez Vicente / A Gándara

 Continúan realizándose, segundo o previsto no programa das Festas das Mercedes, 2024, as actividades organizadas pola Asociación Cultural e Veciñal O Percamino. 

 Dese xeito, o sábado día 7 deste mes celebrouse o XV Torneo de cachiza, evento que contou coa colaboración do Concello de A Guarda, e que tivo lugar na rúa As Pozas (A Gándara), contando cunha importante afluencia de público, de todas as idades, ainda que maioritariamente mocidade.

 Nesta edición inscribíronse 43 parellas. En 2023 foran 32, o que acredita que os afeccionados a práctica da cachiza van a mais. Iso, é moi positivo, porque ainda que polo de agora non é un xogo olímpico, quen sabe se no futuro, poida chegar a selo. De ser así, mesmo poderiamos ter na nosa contorna, dignos representantes de prestixio internacional.

 En todo caso, hipóteses aparte, temos que decir, que un ano máis, os afeccionados a cachiza déronse cita na Gándara, premiando con seus aprausos as parellas participantes - que fixeron tres tiradas cada unha -, pasando a final ás 10 mellores parellas, que a súa vez farían dúas novas tiradas por parella.

 E os maiores aprausos foron para "Os Alonso", que cunha puntuación de 101 metros, foron os gañadores; e tamén para "Os Pequeño", que cunha puntuación de 99 metros, lograron o 2º posto do torneo. 


Eses foron os trofeos realizados por usuarios da asociación Avelaíña, que recibiron as parellas clasificadas en 1º e 2º lugar, respectivamente

 Como se anunciara previamente, as parellas que quedaron clasificadas en 1º e 2º lugar, foron premiadas cos respectivos trofeos - realizados por usuarios da asociación Avelaíña - e unhas ceas. 

A cachiza non figura no Dicionario da Real Academia Galega 

 Reiteramos que cachiza - substantivo feminino que o Dicionario da Real Academia Galega ainda non recolle -  é un xogo popular, tamén denominado billarda ou estornela, que - como refire a devandita fonte -consiste en dar cun pau noutro máis pequeno e rematado en punta nos extremos, que está colocado no chan, de xeito que se fai saltar e, xa no aire, dáselle un segundo golpe que o despide a maior distancia.

 Dito iso, preguntamos novamente: cando entrará a cachiza no Dicionario da Real Academia Galega? 

 Non o sabemos. En todo caso, confiamos en que os doutos membros desa institución - algúns dos cales teceron fíos de relacións amicales e culturais con entidades e persoas de A Guarda - se dignen incorporar, sen demora, o devandito termo no Dicionario da RAG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario