Lacena acolle unha exposición fotográfica de Manuel Álvarez
• Dedicada ás persoas que contribuíron á historia de San Xerome Emiliani
• A mostra reúne dezaseis retratos de persoas vinculadas á asociación guardesa e poderá visitarse ata o 24 de outubro. A clausura contará cunha actuación musical de Thai Leonor Otero ao violonchelo.
Infogauda/A Guarda
O espazo de Lacena • comida espida •, na Guarda, acolle do 15 ao 24 de outubro a exposición fotográfica de Manuel Álvarez Álvarez «[SAN XEROME EMILIANI] Presenzas e olladas. Faces e figuras. Afíns».
A mostra reúne unha escolma de dezaseis retratos de persoas que participaron activamente na traxectoria da Asociación San Xerome Emiliani e que, desde finais dos anos setenta, contribuíron de maneira solidaria á construción dunha estrutura social de acompañamento e apoio a persoas en situación de vulnerabilidade e con discapacidade na comarca do Baixo Miño.
A través destes retratos, Manuel Álvarez pon rostro a unha parte da historia social da comarca, recoñecendo a implicación e o compromiso das persoas que contribuíron ao desenvolvemento dunha entidade estreitamente vinculada á sociedade guardesa.
Con esta iniciativa, Lacena continúa apostando por abrir o seu espazo reinvindicando o papel do pequeno comercio na vida cultural da Guarda.
A exposición poderá visitarse ata o sábado 24 de outubro no número 75 da rúa Concepción Arenal, na Guarda, de luns a venres, de 09:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados de 09:00 a 14:00 horas.
Como peche da mostra, o venres 23 de outubro ás 20:30 horas, celebrarase un acto de clausura acompañado dun viño da amizade e dunha intervención musical a cargo da violonchelista Thai Leonor Otero, que interpretará obras de Johann Sebastian Bach e Camille Saint-Saëns.

Ningún comentario:
Publicar un comentario