28 de ago. de 2024

TOMIÑO

Animación baixo as estrelas: o Cine na Rúa triunfa un ano máis en Tomiño  

Durante o mes de agosto, o público familiar encheu as prazas tomiñesas para gozar dos mellores filmes de animación

As sesións de cinema a ceo aberto na praza do Seixo e na praza de Antonio Fernández foron moi ben acollidas pola veciñanza
Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Cine na Rúa volveu brillar este verán en Tomiño. Grande acollida por parte da veciñanza tomiñesa desta actividade pensada para un público familiar que non quixo perder a oportunidade de gozar das mellores películas de animación ao aire libre. Durante catro noites máxicas, a praza do Seixo, de Tomiño, e a praza do Pintor Antonio Fernández, de Goián, convertéronse nun cine a ceo aberto no que cativada e maiores compartiron risas, emocións e aplausos baixo as estrelas.  

 A alcaldesa, Sandra González, destacou o éxito desta nova edición. “É un orgullo ver a gran resposta do público. O Cine na Rúa converteuse xa nunha cita imprescindible do verán tomiñés e ver ás familias desfrutando destas películas é sempre un verdadeiro pracer. Esta iniciativa non só promove o acceso á cultura, senón que enche de vida as nosas rúas e prazas, recuperando espazos públicos para a veciñanza”, resaltou. 

 Nesta edición a selección de películas proxectadas foi todo un acerto. O público puido desfrutar de ‘Os demos de barro’, un filme coproducido polo galego Xosé Zapata e participada pola TVG, nominada aos Premios Goya á mellor película de animación e gañadora de dous Premios Sophia, da Academia Portuguesa de Cine. O público espectador gozou tamén coas proxeccións da divertida historia de aventuras de ‘El gato con botas: el último deseo’; da acción de ‘Spider-Man cruzando el multiverso’; e do estoupido de cores de ‘Super Mario Bros. La película’, que fixo as delicias dos máis novos, e tamén das persoas maiores, que medraron xogando con este icónico personaxe.  

 A gran participación do público e a boa acollida de todas as proxeccións confirman o éxito un ano máis do Cine na Rúa. Por este motivo, o Concello xa está a traballar en futuras edicións con novas propostas para seguir enchendo as noites de verán de cine, cultura e boa compañía. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario