8 de xul. de 2024

TOMIÑO

A XUNTA DE GALICIA AUTORIZA A TRANSFERENCIA A PROL DO CONCELLO DE TOMIÑO DE VARIOS TREITOS DE DÚAS ESTRADAS PROVINCIAIS INTEGRADAS NO MUNICIPIO 

 Transfírense á Administración local tres treitos antigos da estrada EP-3101 Tebra – Cristelos, e un treito antigo da EP-3103 Cristelos – Burgueira 

 A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais 

 Co cambio de titularidade o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a súa conservación e mantemento 

 O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico terá efecto desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia 

Fonte: X.G.


Infogauda / Tomiño

 O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño de tres treitos antigos da estrada provincial EP-3101, e un treito antigo da EP-3103, integradas no municipio. 

 Trátase, concretamente, do treito antigo de 63 metros da marxe esquerda da EP-3101 Tebra – Cristelos, á altura do punto quilómetro 0; do treito antigos de 83 metros na mesma marxe desta estrada, no quilómetro 3+200; e do treito antigo de 114 metros da marxe esquerda desta mesma vía, situado á altura do quilómetro 3+900. 

 Neste acordo, inclúese a transferencia do treito antigo de 55 metros da marxe dereita da EP-3103 Cristelos – Burgueira, á altura do punto quilométrico 0+800. 

 O Concello de Tomiño e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio en que estableceron a obriga da entidade municipal de solicitar a transferencia de titularidade destas vías. 

 A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable ao cambio de titularidade destes treitos antigos das estradas provinciais EP-3101, e EP-3103. 

 A transferencia destes treitos a prol do Concello de Tomiño tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas como competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas. 

 O departamento de Infraestruturas da Xunta ten, entre as súas funcións, a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades provinciais e locais.

 Co cambio de titularidade, o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar nestes treitos das estradas provinciais EP-3101, e EP-3103, e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. 

 O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario