9 de xul. de 2024

PONTEVEDRA

Xunta Provincial de Seguridade  

As estatísticas oficiais ratifican os altos niveis de seguridade na provincia cunha delincuencia practicamente estable no primeiro semestre  

• Abel Losada: “As cifras son as que son, aínda que ás veces parece que á dereita e á extrema dereita moléstalles que isto non sexa Mad Max” 

• Os delitos relacionados coa ciberdelincuencia son os únicos que crecen dun xeito sistemático nos rexistros da Policía Nacional e a Garda Civil 

• A Subdelegación porá en marcha unha campaña informativa específica para motoristas nun intento de frear a sinistralidade viaria 


O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu a Xunta Provincial de Seguridade na que tomaron parte o comisario xefe-provincial, Juan José Díaz; o coronel da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal, e o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Piteira
Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra 

 A provincia de Pontevedra rexistrou unha positiva evolución nas estatísticas sobre seguridade no primeiro semestre deste ano 2024. A delincuencia mantense nas mesmas cifras que no mesmo período do ano pasado como demostra a suba inapreciable, significativamente por debaixo do 0,1%, no número de actos ilícitos. O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu a Xunta Provincial de Seguridade na que tomaron parte o comisario xefe-provincial, Juan José Díaz; o coronel da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal, e o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Piteira. 

 Entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño rexistráronse 15.825 infraccións penais polas 15.819 do mesmo período do ano pasado. “Seguimos sendo unha provincia cuns altos estándares de seguridade; as cifras son as que son, a pesar de que ás veces parece que á dereita e á extrema dereita moléstanlle estes datos e pretenden pintar visións catastrofistas ao estilo Mad Max, como acaba de facer o señor Feijoo”. O subdelegado pediu “menos demagoxia e máis responsabilidade” á hora de analizar cuestións sensibles, que crean alerta social, pero que son cuantificables obxectivamente. 

 Os datos da Policía Nacional (Comisarías de Pontevedra, Vigo-Redondela, Vilagarcía e Marín) apuntan a un leve incremento dun 2,1% dos delitos. Pola súa banda, os datos da Garda Civil, que cubre o territorio rural da provincia, indican, en cambio, unha leve baixada dun 2,6%. Como vén sendo habitual, a ciberdelincuencia é a especialidade delictiva que peor evoluciona, especialmente no ámbito urbano onde vén de producirse un 309% de incremento (pasando de 289 denuncias a 1.148 ao comparar semestres). Losada insistiu en pedir “prudencia e responsabilidade” nas compras e operacións monetarias na Internet “que, segundo demostran os datos, se están a converter nun problema de primeira magnitude, pero non debemos esquecer que tamén hai un compoñente de responsabilidade persoal das vítimas”, polo que hai que insistir nas recomendacións de facer transaccións seguras e unicamente a provedores de bens e servizos debidamente verificados. 

 O subdelegado subliñou tamén que as Forzas e Corpos de Seguridade veñen de desarticular unha banda croata que realizaba roubos con forza nas vivendas e tamén están a producirse detencións na provincia de Ourense de persoas relacionadas con delitos contra a propiedade na nosa provincia, polo que hai confianza en que este tipo de sucesos, moitas veces cíclicos, van diminuír. 

 Na Xunta Provincial de Seguridade analizouse tamén que enfrontamos os meses de xullo e agosto, “a peor época do ano” polo impacto do turismo, “pero o punto de partida no que vai deste ano é, obxectivamente, bo”, recalcou Losada. 

Preocupación polos usuarios/as de motocicletas 

 Os datos máis negativos son os que chegan das estradas, dado que Tráfico leva rexistradas 17 persoas falecidas no que vai de ano, contra 12 do primeiro semestre do ano pasado. Ademais, 9 desas persoas eran motoristas, confirmando unha tendencia que se está observando nos últimos anos. De feito, o número de motocicletas involucradas en accidentes segue medrando, pois pasou de 103 do primeiro semestre do ano pasado a 110. Houbo tamén dúas persoas falecidas cando camiñaban polas estradas en horario nocturno. 

 Abel Losada anunciou que vaise poñer en marcha unha campaña específica na provincia dirixida aos pilotos de motocicletas e que vaise repetir tanto en concentracións moteiras como nos controis rutineiros de velocidade, co reparto de material informativo propio. 

 O número de accidentes tamén crece, pois alcanzáronse os 1.984 sinistros totais no que vai de ano, fronte aos 1.731 do pasado. Baixan en cambio o número de positivos en alcoholemia (2.281 fronte a 2.745 do ano pasado), mentres soben os positivos por consumo de drogas (1.221 contra 1.057). 

 Outro dato moi preocupante que foi exposto durante a Xunta de Seguridade é o número de persoas sorprendidas conducindo sen carné de conducir (por non telo obtido nunca ou por estar caducado) e que alcanzou os 38 casos e que, se ben son menos que os 52 do primeiro semestre do ano pasado, seguen a ser moitos, subliñou o subdelegado. Ademais outras 123 persoas foron sorprendidas conducindo sen puntos ou coa licencia retirada por orde xudicial, fronte ás 197 do primeiro semestre do ano pasado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario