14 de set. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés impúxose con facilidade en Logroño (19-26) 

O Mecalia sumou a súa terceira vitoria este domingo na pista do Grafometal La Rioja tras dominar todo o encontro 

O Guardés amosou unha defensa forte, upada por unha Amandine Balzinc que acumulou 16 paradas, e un ataque coral perfectamente coordinado, que materializaron sobre todo Elena Martínez e María Palomo, con cinco acertos cada unha. Rosane Serrano tamén foi vital, cun 100% nas súas tres oportunidades de penalti 

Pasada a terceira xornada, o equipo miñoto é o único invicto da táboa xunto co Bera Bera, ao que se medirá precisamente no seu próximo partido


Anouk Nieuwenweg e María Palomo nun lance do encontro deste domingo
Foto: M.A.G.
 

Redacción Deportes / Logroño

 O Mecalia Atlético Guardés suma e segue. As de Ana Seabra golearon con facilidade este domingo en Logroño nun partido onde puideron dominar durante os 60 minutos a un Grafometal La Rioja ao que non lle faltaron rapidez e ganas. A defensa de Amandine Balzinc, con 16 paradas baixo paus, foi vital para a vitoria, se ben o punto forte do equipo guardés foi a súa ofensiva coral, materializada por María Palomo e Elena Martínez, con cinco acertos cada unha. A moza Rosane Serrano, como vén sendo habitual, non fallou nas tres ocasións que tivo dende os sete metros. O Guardés mantense así invicto e lidera a táboa xunto co Bera Bera, ao que recibirá a vindeira xornada dentro de dúas semanas. 

 O marcador abriuse cun acerto da man de Andrea Loscos pouco despois do comezo, que demostraba que o conxunto anfitrión saíra á pista con ganas de aproveitar as súas posibilidades. Malia o ritmo frenético do partido e que o Guardés lograba aproveitarse de varios erros e perdas, as de Ana Seabra só responderon ao borde do final do primeiro parcial de cinco minutos, cun gol dende a liña de sete metros de Elena Martínez (1-1, min. 5). 

 Pero o Mecalia impuxo a partir de entón o seu xogo e comezou a medrar. A liña defensiva galega incrementou a presión e comezou a poñerllo difícil ao equipo rioxano, que tivo que encaixar un parcial 0-2 nos movementos seguintes que, de manterse, ameazaba con deixalas atrasadas (1-3, min. 10). 

 Aínda que a vantaxe visitante seguiu vixente, o Grafometal chegou a amosar varios sinais de vida, upados por algún erro guardés pero, sobre todo, pola actuación dunha Blanca Benítez imbatible dende a liña de penalti (3-4, min. 15). Xa pasado o ecuador desta primeira metade, as logroñesas amagaban con achegarse, o que fixo saltar as alarmas no banco galego e levou a Ana Seabra a solicitar o tempo morto. Unha decisión que, polo de agora, non produciu demasiado efecto, pois unha Geandra Rodrigues moi atenta baixo paus freou múltiples oportunidades guardesas, o que provocou que o canonazo posterior de Mina Novovic levase o luminoso ás táboas por primeira vez dende o comezo do partido (5-5, min. 20). 

 Pero os dez minutos antes do descanso foron un auténtico espertar para o equipo guardés. O ataque orquestrado por María Sancha materializouse nas mans de Ceci Cacheda, María Palomo e unha Elena Martínez que xa estaba a ser moi prolífica dende os sete metros, e nos compases seguintes puxeron sobre a mesa un contundente 0-4 que volvía facer pequenas ás anfitrioas (5-9, min. 25). 

 E aínda que o equipo rioxano puido defenderse da man dalgún acerto que Sofía Rivadeneira e a mesma Benítez de penalti, a dinámica mantívose ata o asubío que marcaba a metade do encontro (7-11, min. 30). O Mecalia logrou controlar o ritmo de xogo e coordinar un ataque coral á perfección, sen necesidade de botar man do 7-6, ademais de ofrecer unha defensa férrea na que tamén aportaba o seu a gardameta Amandine Balzinc. O obxectivo era agora manter o control durante o segunda metade. 

 E polo pronto, todo apuntaba a iso, pois o reinicio seguiu practicamente a mesma dinámica. Aínda que o Grafometal saíu á pista moi rápido e atento, con algunhas accións brillantes que conseguían recortar un pouco a distancia (9-12, min. 35), o Guardés axiña recuperou o seu lugar e volveu ás andadas. A gran coordinación galega mantívose, tanto que un terceiro gol de penalti da man da nova Rosane Serrano elevaba a renda a máximos a pouco máis de 15 minutos para rematar (11-17, min. 44). 

 Sentíase cómodo o equipo miñoto sobre o 40x20 do Palacio de Deportes rioxano, no que as súas non atopaban demasiadas dificultades para penetrar na barreira defensiva local. Malia unha Rodrigues baixo paus que limitaba bastante a crecida, o anfitrión pecaba de numerosos ocos que non facían por freala alén. A distancia no marcador disparábase, cun 16-23 anotado por Ania Ramos dende o estremo que se mantivo durante varios minutos (min. 51). 

 Carme Castro rachaba coa seca de acertos pouco despois grazas a unha asistencia de Amandine, quen fora crucial para limitar os goles locais durante os 60 minutos, cun total de 16 paradas (16-24, min. 54). A dinámica mantívose ata o final, coa vitoria guardesa totalmente asegurada, e cunha diferencia de sete goles que non se disparou máis grazas a unha Blanca Benítez que obtivo un 100% nos sete metros (19-26, final). O Guardés mantense invicto e é, xunto co Bera Bera, o único que suma pleno de vitorias nesta terceira xornada. O desempate producirase no próximo encontro, que medirá precisamente a estes dous equipos na Sangriña o 26 de setembro, ante as cámaras de Teledeporte.  

Grafometal La Rioja (7+12): Lucía Chumillas, Andrea Loscos (1), Paula Morales (1), Blanca Benítez (6), Lorena Pérez (2), Mina Novovic (3), Geandra Rodrigues (p.) [sete inicial], Maitane Larrayoz (p.), Fernanda Luján (1), Paula Milagros (2), Garoa Sarrionandia-Ibarra, Sofía Rivadeneira (2), Sarai Samartín, June Loidi (1), Liza Somogyi e Karia Sidibe. 

Mecalia Atlético Guardés (11+15): Amandine Balzinc (p.), Elena Martínez (5), Lorena Téllez (2), Jazmín Mendoza (2), Ania Ramos (1), Blazka Hauptman (1), María Palomo (5) [sete inicial], Sabina Mínguez (p.), Cecilia Cacheda (2), Rosane Serrano (3), Carme Castro (1), Cristina Cifuentes (2), Nerea Gil, Ariana Portillo (1), María Sancha (1) e Anouk Nieuwenweg. 

Marcador cada cinco minutos: 1-1, 1-3, 3-4, 5-5, 6-9, 7-11, 9-12, 10-15, 11-17, 16-22, 16-24, 19-26. 

Árbitros: Raúl López e Álvaro García. Amoestaron con cartón amarelo á local Mina Novovic e excluíron con dous minutos ás locais Mina Novovic (2) e Sarai Samartín e ás visitantes Jazmín Mendoza e Cristina Cifuentes. 

Incidencias: Partido de terceira xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no Palacio de Deportes de La Rioja. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario