20 de xul. de 2024

O ROSAL

Pepe O Buraco, curiosidade, sabedoría e ‘Memoria Viva’ do Rosal   

Alcaldesa e veciñanza acompañaron ao protagonista na proxección da nova peza documental deste proxecto que busca preservar o patrimonio inmaterial vivo   


José Álvarez Alonso, Pepe O Buraco, coa alcaldesa e membros da corporación municipal do Rosal; así como familiares e veciñas/os do novo protagonista do proxecto Memoria Viva, que onte foi presentado no auditorio municipal

Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Atesourar e conservar as lembranzas que falan a historia do Rosal e que non aparecen nos libros, escoitalas de viva voz de boca “dos nosos avós e avoas que nos transmiten o legado da súa orixe agora no presente pero, sobre todo, para as xeracións futuras”. Ese é o obxectivo do proxecto Memoria Viva, que onte presentou nun emotivo acto no auditorio municipal a súa terceira edición cun novo protagonista: José Álvarez Alonso, Pepe O Buraco, “unha persoa curiosa, intelixente, moi avanzado ao seu tempo e moi xenerosa, que no dubida en compartir con todas e todos a súa sabedoría e coñecementos”. 

 Con este proxecto plurianual, o Concello puxo en marcha un sistema de salvagarda das lembranzas das persoas de maior idade do Rosal para recollelas nun vídeo documental e nun libro de pequeno formato como testemuña doutros tempos. E ao son da voz de Pepe O Buraco coñeceremos os segredos dos cabaqueiros, o nacemento do club de balonmán Atlético Novás, a súa vida como camioneiro, na política ou na directiva da Liga de Amigos ou a súa curiosidade innata, que o levaron a aprender sobre a arte rupestre e ser fonte de referencia para novos investigadores ou a recuperar o tradicional xogo dos bolos.  

 Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “falar de Pepe é falar de coñecemento, dun referente no orgullo da humildade e da superación de adversidades. Pero se algo o diferencia e a súa curiosidade, que o levou a preocuparse por aprender todo o que podía e a divulgar con gran xenerosidade todo o coñecemento adquirido. Pepe O Buraco é sinónimo dun valor patrimonial importantísimo, dunha mentalidade avanzada para o seu tempo que ve nas mulleres ás verdadeiras heroínas da vida, sacando adiante familia e traballo con determinación nunha época na que O Rosal quedaba valeira de homes que marchaban moitos meses ao ano a traballar ás cabaqueiras”. 


Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Concello do Rosal, con José Álvarez Alonso, Pepe O Buraco

 Moi emocionado polo recoñecemento recibido, Pepe quixo agradecer a todas as persoas que o acompañaron neste día tan especial pero tamén ao longo de toda a súa vida. “Gústame estudar o pasado e vivir o presente. E o futuro, como dicía a miña nai, xa Deus dirá”, lembrou tras a proxección do documental. 

 Deste xeito, Pepe O Buraco súmase aos vídeos documentais e á serie de libros protagonizados por Nemesio Castro Álvarez, Mª Marcolina González Dorado (Marcola), Carmen Piedra Pérez e Isaac Penela Carbajales. O documental poderá verse na web do proxecto e nas redes sociais municipais. Ademais, o Concello levará ‘Memoria Viva’ aos barrios coa proxección do documental o sábado 17 de agosto en Martín. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario