22 de xul. de 2024

MOS

Abel Losada subliña diante da alcaldesa de Mos que as obras de pavimentación da A-55 avanzan a bo ritmo  

O subdelegado recibiu tamén a tres asociacións veciñais mosenses para explicarlles que o proxecto de  pantallas acústicas está en redacción e para animalas a participar no proceso de información pública  


O subdelegado do Goberno, Abel Losada, recibiu por un lado á alcaldesa, Nidia Arévalo, para falar do imparable avance no asfaltado da A-55 e outras previsións, e, por outra banda, aos presidentes das asociacións veciñais de Portela, José Alonso; Petelos, Micaela Sánchez, e Ledicia, José Campo. En ambas xuntanzas estiveron presentes os representantes técnicos da Demarcación de Estradas do Estado
Foto: S. de G.

Infogauda / Mos

 Os intereses do municipio de Mos estiveron hoxe moi presentes na Subdelegación do Goberno coa celebración de dúas xuntanzas relacionadas coas competencias do Ministerio de Transportes. O subdelegado do Goberno, Abel Losada, recibiu por un lado á alcaldesa, Nidia Arévalo, para falar do imparable avance no asfaltado da A-55 e outras previsións, e, por outra banda, aos presidentes das asociacións veciñais de Portela, José Alonso; Petelos, Micaela Sánchez, e Ledicia, José Campo. En ambas xuntanzas estiveron presentes os representantes técnicos da Demarcación de Estradas do Estado. 

 Abel Losada informou a Nidia Arévalo do esforzo do Goberno en corrixir o pésimo estado das autovías do sur da provincia, consecuencia clara dos recortes en mantemento e conservación durante o Goberno de España presidido por Mariano Rajoy, e que se agravou expoñencialmente cos temporais invernais dos últimos anos.  Para atallar este problema, o actual Goberno, que dobrou a partida de mantemento e conservación dentro do Ministerio de Transportes, adxudicou un contrato de emerxencia por valor de 6 millóns de euros para a provincia de Pontevedra co obxecto de reparar a A-55, a A-52 e a VG-20.  

 Losada engadiu que dos 53 millóns de contratos de emerxencia aprobados en España, un total de 23 viñeron a Galicia e 6 millóns a esta provincia, “o que dá unha idea clara de que estamos facendo de golpe o que se deixou de facer no seu momento e que daqueles recortes estes baches”. 

 O subdelegado explicou que hai tres equipos de asfaltado traballando na provincia nestes intres e que se está a traballar intensamente en horario nocturno, polo que as mellora no pavimento xa se nota especialmente na A-55 e na VG-20. En poucas semanas estará a obra rematada e procederase ao pintado.  

 Por outra banda, abordouse a situación dalgúns viarios próximos á A-55 que precisan tamén dunha actuación integral, pero que, como subliñaron os técnicos do Ministerio de Transportes son de titularidade municipal, porque son preexistentes á autovía e unen a trama viaria municipal. De feito, recalcouse, o Concello instala sinais de dirección única e beirarrúas nalgún deles. Para clarexar definitivamente esta cuestión, a Demarcación de Estradas do Estado realizará un informe identificando estes viarios “porque non se pode pavimentar o que é de titularidade municipal”. 

Pantallas acústicas 

 Por outra banda, Abel Losada e os responsables de Estradas do Estado anunciaron á veciñanza que os proxectos para a instalación de pantallas acústicas están en fase de redacción e, unha vez aprobados, serán sometidos a información pública. Abel Losada animou á veciñanza a examinar toda a documentación e a facer as achegas que estime oportunas para mellorar o “encaixe estético” destas estruturas que, por definición, deben ser suficientemente elevadas para impedir o paso das ondas sonoras. Ademais, requiren de importantes obras de cimentación. Precisamente, durante os últimos días estanse realizando catas xeotécnicas para a realización do proxecto. O subdelegado indicou que os documentos a información pública incluirán representacións gráficas co acabado final, tal e como se fixo xa no proxecto que está a piques de licitarse en Chapela (Redondela). 

 Durante a xuntanza tamén se informou á veciñanza dos avances das obras de asfaltado que, por si soas, van ter un claro impacto positivo na redución do ruído que xera a autovía A-55 ao paso por Mos. Abel Losada tamén defendeu a necesidade incuestionable de construír o túnel que o Ministerio de Transportes está deseñando para que Vigo saia directamente cunha conexión de alta capacidade  ata a A-52 “que, aínda que algúns dixeron que non facía falta, este Goberno vai sacar adiante”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario