COMUNICADO CONXUNTO REPRESENTACIÓN SINDICAL DA EMPRESA SALUSER-EMERSAN
DESCONVOCADA A FOLGA DO 061 NA ÁREA DE VIGO
O persoal traballador do 061 decidiu desconvocar por maioría da asemblea a folga indefinida prevista para este verán ao acadarse un acordo que recolle ás principais demandas do persoal sanitario.
Representantes sindicais destacaron que a desconvocatoria se fai por responsabilidade do persoal sanitario, que non desexa ver afectado o servizo de asistencia sanitaria urxente en Vigo Cangas e Moaña coincidindo coa época de maior demanda de asistencia. Sen embargo, advertiron que de se producir algún incumprimento dos acordos ou de non avanzar nas negociacións das débedas pendentes, a folga volverá a convocarse.
O acordo final foi asinado en dependencias do Consello Galego de Relacións Laborais pola representación sindical de CIG, CCOO e USO, representantes da empresa “Saluser-Emersan” e a Dirección do 061.
O texto recolle principalmente que a actual empresa concesionaria asumirá as débedas en concepto de liquidación pola subrogación de persoal. Unha parte abonando a nómina integra durante as dúas quincenas de vacacións e por outra banda comprometéndose a pagar a parte restante na mensualidade de xullo.
Así mesmo, mantense aberta a negociación para o cobro da paga de regularización do actual convenio colectivo. Na actualidade a dirección da compañía “Saluser-Emersan” propón o abono para o mes de outubro. Sen embargo, a representación sindical non acepta os prazos argumentando que a Consellería de Sanidade xa pagou este concepto á empresa concesionaria.
Ambulancias do Atlántico continúa traballando para o Sergas
Unha vez que a Xunta asumiu unha parte das débedas que “Ambulancias do Atlántico” tería que abonar ao persoal traballador, o empresario catalán Carlos Simón regresa a Vigo para volver a poñerse á fronte da dirección da empresa.
O Sergas mantén tamén o contrato para a prestación do servizo de transporte programado de pacientes na Área de Vigo prorrogado sine díe. Malia isto, e pese a continuar percibindo diñeiro público, o empresario négase a pagar o resto de adeudos e non presta colaboración algunha ao persoal de Tragsa contratado pola Consellería para mediar no conflito.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario