5 de xul. de 2024

DEPORTES

Saúde Mental FEAFES Galicia reuníu este venres a arredor de 130 persoas no XV campionato de fútbol sala “Todos polo fútbol”  

O torneo, no que participaron sete equipos de persoas con problemas de saúde mental de toda Galicia, tivo lugar no Pavillón de Fontiñas (Santiago de Compostela). 

O obxectivo do encontro foi promover o deporte entre as persoas con problemas de saúde mental e fomentar a práctica de ocio normalizado.  




Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

 Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou este venres, 5 de xullo, o XV campionato de fútbol sala “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán sete equipos de asociacións galegas de saúde mental. 

 O torneo tivo lugar no Pavillón de Fontiñas, en Santiago de Compostela, a partir das 09:30 da mañá. Disputáronse diversos partidos ao longo de toda a xornada que culminaron coa final, que tivo lugar a última hora da mañá. Os equipos participantes pertencen a entidades federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: APEM (A Coruña), Lenda (Redondela), Doa (Vigo e Cangas), Alba (Pontevedra), Avelaíña (A Guarda, Ponteareas, A Cañiza e Baiona), Saúde Mental FEAFES Vigo e Saúde Mental FEAFES Santiago. 

 Ademais desta copa, no encontro celebrouse tamén a final da liga “A Nosa Champions” que comezou no mes de xaneiro. Esta competición, creada por Saúde Mental FEAFES Galicia, está organizada pola Real Federación Galega de Fútbol a través da Fundación do Fútbol Galego e conta co patrocinio de Saunier Duval. Na final enfrontaranse os equipos Lenda de Redondela e Alba de Pontevedra.  

 Finalmente, ás 14:15 realizouse a entrega de premios aos campións de liga e de copa, do mesmo xeito que se entregou unha medalla a cada participante. Na entrega de premios participaron Pilar Lueiro García, concelleira de Deportes, Festas, Rural, Relacións Veciñais e UMAD; Silvia Cancela, delegada da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago; e Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia. 

 Saúde Mental FEAFES Galicia estima que a este evento acudiron arredor de 130 persoas entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran acollida e interese por parte do movemento asociativo de saúde mental.  

 O evento, organizado polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, tivo como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través deste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas. 

 As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois as e os participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en máis de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario