5 de xul. de 2024

CULTURA

Valentín García destaca a Rosalía de Castro como “muller referente para a lingua galega” 

O secretario xeral da Lingua participa na inauguración da Cátedra Institucional Rosalía de Castro da Universidade de Santiago coa que, afirmou, “seguiremos aprendendo dela”


O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na inauguración da Cátedra Institucional Rosalía de Castro da Universidade de Santiago
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na inauguración da Cátedra Institucional Rosalía de Castro da Universidade de Santiago, que se dedicará ao estudo académico e crítico da obra e da figura da escritora nas súas múltiples dimensións, “permitíndonos seguir aprendendo dela”, apuntou.  

 Trátase dunha iniciativa que, tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, supón “un privilexio ao permitir que a día de hoxe se siga estudando e descubrindo a Rosalía, unha muller que logrou ser o referente dunha lingua, a galega, fito que non ocorreu con outro idioma”. Neste senso, o responsable de Lingua da Xunta destacou o labor investigador ao redor da autora que, lembrou, “sempre nos acaba por ensinar novas perspectivas e reflexións”. Así agarda que se leve a cabo con esta Cátedra, froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.  

 De feito, a intención destes estudos é promover achegas sobre a escritora desde diferentes paradigmas que sexan renovadores, sen esquecer a atención dos aspectos máis tradicionalmente filolóxicos. Por outro lado, Valentín García tamén resaltou o obxectivo de “reforzar a proxección e coñecemento dunha figura tan ilustre máis alá do ámbito galego, a nivel internacional”.  

 No acto celebrado no Pazo de Fonseca, estivo acompañado polo o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; a directora da Cátedra, María do Cebreiro Rábade Villar, e o codirector, Fernando Cabo Aseguinolaza.  

Insignia de Ouro a Catherine Davies  

 Na liña desa idea de recoñecemento de Rosalía de Castro lonxe de Galicia, precisamente no acto foille concedida a Insignia de Ouro da USC a Catherine Davies, que ofreceu a lección inaugural Rosalía de Castro e Cuba. A galardoada, actualmente profesora emérita da Universidade de Londres, tivo a obra e o contexto socio ideolóxico de Rosalía de Castro como base do seu traballo desde a realización da súa tese de doutoramento, que defendeu na Universidade de Glasgow en 1984.

Ningún comentario:

Publicar un comentario