15 de xul. de 2024

A GUARDA

“As cores do cotiá”, de Charo Trigo

Ata o 31 de xullo na Casa dos Alonso


Charo Trigo Vicente
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 “As cores do cotiá” é o título xenérico da exposición que a pintora Charo Trigo Vicente vén de inaugurar na Casa dos Alonso, e que poderá visitarse ata o vindeiro 31 deste mes de xullo de 2024.

 Avalada pola súa participación nunhas 30 mostras colectivas, realizadas en diferentes concellos e vilas: A Guarda, O Rosal, Baiona, Goián, Tomiño, Tui,…, e por 12 exposicións individuais, nas localidades de A Guarda, Caminha, O Rosal e Vila Nova de Cerveira, obtendo en todas elas, unha magnífica acollida; Charo Trigo acredita un magnífico ronsel artístico. 

 Probablemente unhas das claves do seu éxito resida no feito de ser variada a súa temática pictórica: bodegóns, figuras humanas, flores, interiores, paisaxes,…, e mesmo abstraccións.  

 Para ela, semella non haber máis límites que os inexorables para calquer ser humano: o tempo e a propia existencia física. 

 Dese xeito, coa súa achega artística e súa traxectoria, Charo Trigo é unha pintora que ten, por dereito propio, un lugar de inequívoca visibilidade entre as mulleres creadoras da nosa contorna, do cal, varios medios de comunicación teñen dado conta do seu ronsel artístico. 

 “As cores do cotiá” que estes días ten patente na devandita ubicación, amósanos unha moi interesante e heteroxénea escolma de pinturas da súa autoría. Alí, devagar, poderemos observar que a pintora presenta, por unha banda, obras inspiradas no mundo do deporte, no que están representadas, neste caso, varias modalidades deportivas. Son pinturas ao óleo, nas que a autora tributa unha homenaxe á todas ás persoas que día a día se esforzan para chegar á competición no mellor estado físico e mental posible, co obxetivo de dar o mellor de sí mesmas. 

 Nesas persoas - mulleres e homes -, que cada día poñen en práctica o esforzo, por enriba de todo, inspirouse Charo Trigo. Esa é súa homenaxe a esa mocidade.  

 Paul Klee, pintor alemán, nado en Suiza, afirmou: “A arte non reproduce aquilo que é visible senón que fai visible aquilo que non sempre o é”. 

 Esa frase é plenamente válida para definir a obra de Charo Trigo. Ela fai visible o sorriso dun picariño, a serenidade dos nosos maiores, os acordes musicais, as voces das nosas cantareiras, as danzas tradicionais – que neste 2024, mesmo inspiraron algunhas das alfombras florais da celebración do Día do Señor  -, o traballo das mulleres e dos homes do mar,… Todo iso está na súa selecta producción.  

 A nivel artístico, temos que decir que os resultados logrados por esta pìntora, poñen de relevo que ela tivo moi en conta os valores aos que nos referiamos, como poderémolo comprobar.

 Aí están, por unha banda, unhas excelentes e inusuais composicións narrativas de figuras humanas, representadas en actitude dinámica, en harmónica e luminosa plasticidade.   

 E por outra, unha selección de obras inspiradas na beleza da nosa contorna, tanto á natural, que toda ela nos foi dada en herdanza equitativa - sen ningún tipo de marxinación -, e que temos a obriga de coidar e respectar para as xeracións que nos sucedan. 

 Tamén están representados espazos que son consecuencia da interacción humana ao longo dos tempos.

 En definitiva, Charo Trigo presenta unha exposición que ben merece ser visitada.

“As cores do cotiá”

Casa dos Alonso

Praza do Reló, nº 1 (A Guarda)

Ata o día 31 de xullo de 2024

Horarios: de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas; e de luns a domingos: de 18:00 a 21:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario