Ante o aumento alarmante da incidencia das ITS en mozas
O COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA EN COLABORACIÓN COA DIRECCIÓN XERAL DE SAÚDE PÚBLICA ORGANIZA UNHA XORNADA DE FORMACIÓN SOBRE INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL
• O obxectivo da Xornada é profundar e actualizar os coñecementos dos profesionais farmacéuticos sobre esta materia
• No transcurso da Xornada presentarase unha campaña sanitaria en farmacias de Pontevedra organizada polo COFPO para concienciar aos mozos sobre a necesidade de protexerse das ITS
Infogauda / Pontevedra
O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, organizou para a tarde hoxe a Xornada de Formación en Infeccións de Transmisión Sexual (ITS).
Nela intervirán diversos profesionais sanitarios tanto da Dirección Xeral de Saúde Pública, como farmacéuticos e médicos especialistas neste tipo de infeccións, co obxectivo de actualizar os coñecementos dos farmacéuticos en materia de infeccións e enfermidades de transmisión sexual. A Xornada está dirixida tanto a farmacéuticos comunitarios como a farmacéuticos doutros ámbitos de exercicio profesional en contacto co paciente.
A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz Iglesias, comenta que esta iniciativa xurdiu no seo da institución ao estudar os alarmantes datos da OMS, que revelan que cada día máis dun millón de persoas contraen unha ITS o que se relaciona, entre outros factores, cun aumento crecente das prácticas sexuais de risco e unha falta de educación sanitaria nesta materia, especialmente en persoas mozas.
“Ante un problema de educación sanitaria, é case obrigado que interveña o farmacéutico, por ser un profesional sanitario altamente cualificado para informar e educar sobre enfermidades e como previlas”, sinala a presidenta.
Neste contexto, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra deseñou un proxecto cuxo obxectivo principal é ofrecer á poboación, especialmente aos mozos, información sobre ITS e a forma de previlas. “Contactamos coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, que se interesou polo proxecto e colaborou xunto co seu equipo na organización desta Xornada. A súa contribución enriqueceu moito a formación polos seus amplos coñecementos sobre a materia e o manexo dos datos que nos van a transmitir”, expón Beatriz García.
A Xornada celebrarase na sede de Pontevedra do Colexio hoxe mércores 12 de xuño en horario de 16.30 h a 20.30 h e retransmitirase en directo na sede de Vigo do Colexio.
Nela presentarase a segunda fase do proxecto, unha Campaña Sanitaria deseñada para chamar a atención da poboación sobre o incremento de ITS, que se desenvolverá nas farmacias da provincia de Pontevedra por ser o mellor altofalante para chegar á poboación que ten contacto cos mozos, como as súas nais, pais ou educadores.
O programa da xornada é o seguinte:
16.30 h a 16.40 h.- Presentación da Xornada a cargo de Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública e Beatriz García Iglesias, presidenta do COF de Pontevedra
16.40 h a 17.05 h.- Epidemioloxía das ITS en Galicia. Definición e breve historia das ITS. A magnitude das ITS e as súas tendencias epidemiolóxicas: Datos mundiais, de España e de Galicia
Relatora: Sonia Touceda Taboada. Farmacéutica especialista en Análises Clínicas. Xefa de Sección do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública
17.05 a 17.30 h.- Políticas de control de ITS en Galicia
Relator: Rogelio Lema Mougán. Médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública. Técnico do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública
17.30 a 18.15 h.-Microbioloxía e Parasitoloxía dos axentes etiolóxicos das ITS: probas de laboratorio
Relatora: María José Fernández Soneira. Farmacéutica especialista en Microbioloxía. Servizo de Microbioloxía Hospital Povisa, Vigo
18.15 a 18.30 h.- Descanso en ambas as sedes
18.30 a 19.30 h.- Clínica das ITS: sintomatoloxía, diagnóstico, tratamento e prevención. O problema do estigma, a discriminación e a confidencialidade no manexo das ITS. Atención a persoas vulnerables
Relator: Antonio Ocampo Hermida. Médico do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (C.H.Ou Vigo)
19.30 a 20.00 h.- A farmacia comunitaria como referente en asesoramento e educación sanitaria respecto das ITS como problema de saúde pública
Relatores: José Antonio Fornos Pérez. Farmacéutico comunitario en Cangas. Vogal de Docencia e Investigación do COF de Pontevedra e Lucía Segovia Cobreros, farmacéutica. Responsable do Departamento Profesional do COF de Pontevedra
20.00 a 20.30 h.- Presentación da Campaña Sanitaria en Farmacias e do Proxecto de Educación para a saúde sobre ITS nos centros educativos da provincia de Pontevedra por parte de farmacéuticos do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra en Colaboración coa DXSP, Consellería de Educación e os equipos directivos dos centros educativos
Relatora: Beatriz García Iglesias. Presidenta do COF de Pontevedra
Ningún comentario:
Publicar un comentario