12 de xuño de 2024

ECONOMÍA

O sector da limpeza de edificios e locais mobilízase en Vigo, Vilagarcía e A Coruña en demanda de convenios dignos 


As traballadoras/es mobilizáronse este mércores en Vigo, Vilagarcía e a cidade herculina para demandar uns convenios colectivos dignos e enfrontar as posturas regresivas da patronal

Foto: CIG

Infogauda / Vigo / A Coruña 

 O sector da limpeza de edificios e locais das provincias de Pontevedra e da Coruña está en loita por unha mellora real das condicións salariais e laborais. As traballadoras/es mobilizáronse este mércores en Vigo, Vilagarcía e a cidade herculina para demandar uns convenios colectivos dignos e enfrontar as posturas regresivas da patronal. Nas protestas xa se avanzou unha intensificación da conflitividade á volta do verán incluso coa convocatoria de folga. 

 Na provincia de Pontevedra as conversas para renovar o convenio romperon en abril tras 16 xuntanzas porque o empresariado insistía nunha suba de soldos insuficiente e negábase a reducir a xornada laboral e a incluír a cláusula de revisión salarial a IPC. As traballadoras/es reclaman un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión para non perder poder adquisitivo. Mentres que a patronal ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial. 

 Por iso o mes pasado decidiron comezar un calendario de mobilizacións diante das sedes de distintas empresas, que hoxe trasladaron ás portas de Stellantis en Vigo. Dende alí arrincou unha nutrida manifestación até a rotonda de Castrelos, que rematou de novo na fábrica de automoción tras dar a volta na rotonda que une a avenida de Balaídos con Navia. En Vilagarcía tamén houbo concentracións, tanto no exterior do Hospital Comarcal do Salnés como ás portas do Concello. 

 Na CIG agardan que a mediación do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA)  prevista para este luns 17 de xuño en Vigo permita avanzar na negociación, xa que do contrario auguran un “outono quente” con novas protestas e convocatoria de folga, “porque non pode ser que o empresariado non teña nin o detalle de compensar todo o que padeceron as compañeiras/os do sector durante a pandemia”.  

Unha fregona xigante en María Pita 

 Na Coruña, un grupo de traballadoras/es concentráronse na Praza de María Pita onde instalaron unha fregona amarela (xa convertida en símbolo das súas reivindicacións) nun formato "tan grande como a nosa capacidade de loita". A protesta desenvólvese coa vista posta no inicio da negociación do novo convenio e ante a perspectiva "de que as patronais non van ter disposición a dar absolutamente nada".  

 O representante da CIG na mesa do convenio, Paulo Rubido, lembrou que o sector tivo que iniciar mobilizacións e presentar demanda de conflito colectivo para que ASPEL, a asociación patronal estatal, aceptara aplicar a cláusula de revisión salarial recollida no anterior convenio provincial (que rematou a 31/12/2023). Unha suba das táboas do 9,8% (pola diferenza dos incrementos pactados durante os anos de vixencia e o IPC) que hoxe mesmo foi publicada no BOP e que, subliña, constitúe "a revisión salarial máis alta nunca conseguida até a data en ningún convenio da limpeza".  

 Rubido salientou que esta primeira vitoria sindical -que supuxo a retirada da demanda presentada no TSXG por CIG e UGT- foi posíbel pola combinación de acción sindical e da acción xudicial e sobre todo, pola disposición a pelexar demostrada polas traballadoras. Neste senso, advertiu que o sector enfronta unha batalla longa e dura tras do anuncio da patronal de bloquear a actualización do convenio durante un período de tres ou catro anos, "porque entenden que xa subiron os salarios".  

 Neste contexto, a parte social defenderá iniciar as negociacións do novo convenio en setembro próximo "e no caso de que a  patronal non se aveña, convocaremos mobilizacións e folga, porque o persoal deste sector, altamente feminizado, precarizado e con moita parcialidade, non quere ser escravo da súa miseria".

Ningún comentario:

Publicar un comentario