22 de xuño de 2024

O ROSAL

Historias sen fin co andel dos libros libres do Rosal  

O Concello pon en marcha unha iniciativa que busca promover a lectura poñendo a disposición da veciñanza libros de todo tipo de balde  


O concelleiro de Xuventude, Alejandro González  e Carlos Villanueva, concelleiro de Cultura do Concello do Rosal, diante do Andel dos libros libres
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Un estante que agocha mil historias que contar. O Concello acaba de poñer en marcha o Andel dos libros libres, unha iniciativa destinada a fomentar a lectura entre a veciñanza poñendo a disposición de rosaleiros e rosaleiras libros de todo tipo e de balde. Situado nos soportais da Casa do Concello, este andel transformará a lectura nunha actividade comunitaria, facilitando o acceso á cultura.  

 Os diferentes volumes dispoñibles no andel proceden principalmente de doazóns anónimas e están ao alcance de calquera persoa interesada en lelos. Veciños e veciñas poden coller os libros libremente para levalos a casa e ou ben devolvelos despois de lelos ou ben quedar con eles e cambialos por outros exemplares que teñan na casa e que desexen compartir. Unha dinámica sinxela e aberta que promove non só a lectura, senón tamén o intercambio e a conexión entre a veciñanza.  

 Os andeis dos libros libres forman parte da paisaxe cultural de moitas cidades e pobos de toda Europa, pero tamén do Rosal. No municipio cóntase cun precedente inspirador, unha experiencia semellante levada a cabo por unha veciña de Caselas que instalou un andel para o intercambio de libros no lavadoiro do barrio.  

 O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, amosou a ledicia do Concello por ver “como esta iniciativa toma forma. A lectura é fundamental para o desenvolvemento persoal e cultural e con este andel queremos facer que os libros sexan máis accesibles para todas e todos”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, resaltou a importancia de ver “como a comunidade pode colaborar e compartir os seus recursos. Este andel tamén reflicte o espírito de solidariedade e colaboración entre a veciñanza. Animamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a que lle dean a esta iniciativa a grande acollida que merece”. 

 Con esta acción, o Concello reafirma o seu compromiso co fomento da cultura e da lectura e xa está a traballar para facer extensiva a iniciativa a outros espazos como o centro de saúde, o auditorio municipal ou outros centros públicos do concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario