O BNG VAI CELEBRAR ESTE LUNS, NA PRAZA DO CASTRO, ASEMBLEA VECIÑAL SOBRE O CATASTRO
Anxo Lois Baz: “A recollida de sinaturas e a numerosa asistencia ás asembleas foron fundamentais para que o alcalde se empezara a preocupar polo asunto”
Infogauda / A Guarda
“Desde o BNG dirixímonos en tres ocasións ao alcalde da Guarda para alertalo de que a actualización do catastro estaba cheo de erros. Propuxémoslle que tomaran as medidas oportunas para que a veciñanza non tivera que sufrir as consecuencias económicas duns erros dos que non eran responsábeis”. Así vén de pronunciarse Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.
“En vista da falta de resposta e interese do alcalde nun primeiro momento, iniciamos un proceso de reunións polas parroquias afectadas e unha campaña de recollida de sinaturas para esixirlle ao Goberno Municipal que tomara as medidas oportunas”, engade Anxo Lois Baz.
Os nacionalistas indican que concluirán esta primeira ronda de asembleas o próximo luns día 25 de xuño, ás 20:00 horas, na praza do Castro, despois de terse reunido nos últimos días coa veciñanza de Camposancos, Salcidos, Buxán, A Gándara e a Cruzada.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz agradeceu aos veciñas e veciños este logro do que dixo “que con toda seguridade non se produciría de non darse o proceso de mobilización veciñal que se produciu” ao mesmo tempo que anunciou que “desde o BNG seguiran atentos para que se atenda como corresponde as xustas reclamacións veciñais”.
Por último Anxo Lois Baz dixo: “O goberno municipal anunciou no día de onte que en 10 días habilitarán unha oficina técnica para atender as reclamacións da veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario