26 de xuño de 2024

ECONOMÍA

A CIG-Industria escenifica as graves ameazas que enfronta o sector galego da automoción  

Desenvolveu unha concentración diante do Concello de Vigo na que representantes sindicais das compañías expuxeron as súas problemáticas 


Mobilización diante do Concello de Vigo cunha concentración na que representantes da central sindical en máis de 20 empresas da industria da automoción despregaron faixas e expresaron ás súas problemáticas concretas

Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 “Deslocalización, explotación, precarización, reconversión. Estas son as principais ameazas que enfronta o sector galego do automóbil”, segundo a CIG-Industria e que a central sindical escenificou hoxe diante do Concello de Vigo cunha concentración na que representantes da central sindical en máis de 20 empresas da industria da automoción despregaron faixas e expresaron ás súas problemáticas concretas. 

 Na mobilización, que fai parte da campaña que a CIG-Industria está a desenvolver en defensa do sector, participaron delegados/as e traballadores/as tanto da empresa principal, Stellantis, como das compañías auxiliares das comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense, nas que se concentran a maioría dos postos de traballo do sector.  

 Durante o acto interviñeron distintos representantes  sindicais para alertar da situación de crecente precariedade laboral e de falta de carga de traballo que padecen nas súas empresas e denunciar a política de ERTE indiscriminados que se instalou dende a pandemia. Neste senso, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, que tomou a palabra ao final, denunciou que cada ano que pasa aumenta o número de días que os cadros de persoal permanecen no desemprego. 

 “O modelo que están a validar o Executivo central, a Xunta e o Goberno local co seu apoio explícito aos plans de Stellantis supón sufragar con cartos públicos as paradas impostas pola empresa principal, ter empregos cada máis precarias para abaratar custes, desregular a xornada e as quendas, traballar en festivos e quedar na casa os días laborábeis, etc”. 

 O responsábel sindical advertiu tamén que a “profunda transformación” do sector que anunciada polo novo director de Stellantis pasa pola deslocalización da produción a países como Portugal, Marrocos, Turquía, Arxelia ou Polonia e por un proceso de reconversión “que todas as persoas traballadoras sabemos o que significa despois do acontecido co sector naval galego”. 

 Todo isto nun contexto en que as empresas, sobre todo a principal, están a recibir inxentes subvencións públicas e teñen pendentes outras como os PERTE, “sen que iso signifique garantía algunha para o mantemento do emprego e das condicións laborais, ou nin sequera para que os proxectos se desenvolvan en territorio galego”. De feito, Stellantis obtivo 18.600 millóns de euros de beneficios en 2023 e o seu CEO ten un soldo de 36 millóns. “O mesmo que insiste na necesidade de reducir custes de fabricación, o que se traducirá en máis recortes salariais para os cadros de persoal e para as empresas de compoñentes, e que aposta porque os servizos que foron externalizados se asuman agora internamente a través de ETT e de centros especiais de emprego”. 

 Ao mesmo tempo, Bouzas Aboi censurou a complicidade  da Xunta cunha empresa “que non fai máis que ameazar as Administracións públicas cun proceso de reconversión do sector se non recibe subvencións” e a inacción da Inspección de Traballo ante as constantes denuncias por incumprimentos e abusos laborais. 

 “En consecuencia, non nos queda máis que continuar coas mobilizacións, coa confrontación e coa loita na defensa do sector, do emprego e dunhas condicións laborais dignas, porque nós si que cremos na industria galega da automoción, aínda que non a calquera prezo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario