ATLETISMO
OS IRMÁNS SIERPES PEREIRA LOGRARON DOUS NOVOS ÉXITOS NO CAMPIONATO GALEGO DE PISTA AO AIRE LIBRE, CATEGORÍA SUB18
Christian liderou os 2.000 metros obstáculos e Álex os 1.500 metros lisos
Sociedade Atlética do Trega / Redacción Deportes
Na xornada matutina de onte domingo día 9 de xuño, as pistas de Balaídos (Vigo) acolleron o último Campionato oficial de pista ao aire libre para a categoría xuvenil na tempada 2024.
Os atletas guardeses Christian e Álex Sierpes Pereira chegaron a esa competición nun estado de forma formidable e así o demostraron cada un na súa proba respectiva.
O primeiro en facelo foi Christian, o maior dos dous, brillando sen maiores problemas sobre unha carreira táctica, na que buscou o punto do desenlace no último tramo. Así, a falta de 300 metros, meteu o machadazo final, entrando en liña de meta cunha marca discreta, que valeulle o ouro e o título de campión galego.
En segundo lugar, a actuación do seu irmán Álex que non foi menos interesante, xa que a proba moveuse en ritmos moi lentos ata que Sierpes decidiu dar a arrancada na última volta, rompendo a carreira, e logrando a vitoria. Trunfo que lle valeu a medalla autonómica de ouro e o título de campión galego, sumando outra máis para o seu múltiple palmarés.
Foi así como Álex Sierpes acreditou mandar nos 1.500 metros lisos e Christian liderar os 2.000 metros obstáculos, gañando cada un deles a súa proba de forma táctica, atacando na parte final das súas respectivas carreiras.
Dese xeito, os irmáns Sierpes Pereira culminaron cun 10, o último Campionato Galego Sub18 de pista ao aire libre, saboreando o ouro e reinando nas probas de 1.500 metros lisos e 2.000 metros obstáculos, respectivamente.
Moitas felicidades aos dous e a seus clubs: Christian Sierpes (Atletismo Narón) e Álex Sierpes (Sociedade Atlética do Trega - Tomiño).
Ningún comentario:
Publicar un comentario