Os palangreiros da Guarda adaptan o seu proxecto en liña ás necesidades dos novos consumidores
• O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia premiaron hai uns días a Orpagu por “a mellor actuación na industria polo seu proxecto de xemelgo dixital na industria frigorífica e a aplicación de tecnoloxías disruptivas na industria tradicional”.
Mar Bermúdez / A Guarda
Orpagu lanzou unha nova tenda en liña, accesible en https://orpagu.com/tenda/, deseñada para ofrecer ás consumidores elaboracións fáciles de preparar con produtos do mar de alta calidade, capturados de maneira sostible polos palangreiros da Guarda.
A nova plataforma nace co obxectivo de achegar os produtos desta frota aos fogares, garantindo a máxima calidade dunha ampla variedade de elaboracións con peixe espada, atún e outras especies selectas. Todos os produtos capturáronse seguindo as prácticas responsables e sostibles que caracterizan á actividade desta organización, a máis importante de Europa en palangre de superficie.
As características destacadas do novo proxecto en liña:
Variedade de produtos: Unha extensa gama de produtos do mar capturados polos palangreiros guardeses
Compra segura e fácil: Un proceso de compra intuitivo e seguro, con diversas opcións de pago.
Envío rápido: Servizo de entrega eficiente para garantir que os produtos cheguen intactos e en perfecto estado de conservación ao seu destino.
Adaptación a novas tendencias de consumo: Produtos dispoñibles en diferentes tamaños e presentacións, que responden as necesidades e preferencias dos consumidores modernos.
Compromiso coa sustentabilidade: Todos os produtos son capturados mediante técnicas sostibles, respectando o medio ambiente e as especies mariñas.
Orpagu, premio á innovación dos enxeñeiros galegos
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia premiaron hai uns días nun acto en Vigo a Orpagu por “a mellor actuación na industria polo seu proxecto de xemelgo dixital na industria frigorífica e a aplicación de tecnoloxías disruptivas na industria tradicional”. Este proxecto, que se desenvolveu en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) consistiu no deseño dun sistema para descargar e clasificar o peixe tendo en cuenta a produtividade, ergonomía, rastrexabilidade e diferenciación.
Este novo recoñecemento resalta o compromiso da organización que preside Joaquín Cadilla coa innovación e a mellora continua nos seus procesos, sempre buscando a excelencia e sustentabilidade en todas as súas operacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario