14 de xuño de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

A Guarda, punto de partida para as Guerreras na súa preparación para os Xogos Olímpicos  

 O vindeiro martes, 18 de xuño, a partir das 11:30 horas, no Concello da Guarda, a cidadanía guardesa terá a primeira oportunidade de mostrar o seu apoio ás xogadoras españolas, xa que está prevista unha recepción oficial 

 

As Guerreras estarán na vila de A Guarda na primeira fase preparatoria
Foto: R.F.E.B.


Infogauda / A Guarda

 As Guerreras arrancan o vindeiro luns, 17 de xuño, o seu periplo cara aos Xogos Olímpicos de París 2024 na Guarda. E é que esta pequena localidade galega, sede do Mecalia Atlético Guardés na liga Guerreras Iberdrola, é o lugar elixido, froito do seu profundo vínculo co balonmán feminino e dunha afección entregada como poucas.   

 O vindeiro martes, 18 de xuño, a cidadanía guardesa terá a primeira oportunidade de mostrar o seu apoio ás xogadoras españolas, xa que está prevista unha recepción oficial no Concello da Guarda a partir das 11:30 h.   

 Durante a súa estancia no concello guardés, o equipo español exercitarase tanto na Sangriña como nas instalacións do Codesal, cun adestramento aberto a adestradores o 21 de xuño, ás 16:30 h. E non soamente a adestradores de balonmán, senón a técnicos doutros deportes tamén, co fin de que teñan acceso ás técnicas e métodos utilizados polo persoal que lidera o seleccionador nacional, Ambros Martín.   

 A primeira fase preparatoria das Guerreras conclúe o 23 de xuño, momento a partir do que as integrantes do combinado español gozarán de 72 horas de descanso, antes de regresar ao traballo o 26 de xuño nunha segunda etapa que se desenvolverá tamén na Guarda ata o 3 de xullo. Ademais, nesta segunda fase está previsto que se celebre unha firma de autógrafos previa a unha sesión de adestramento a portas abertas para o público, cuxa data de celebración coñeceremos proximamente.   

 A listaxe de xogadoras citadas o vindeiro luns na Guarda por Ambros Martín está formada por:  

Portería | Mercedes Casteláns (Costa do Sol Málaga), Nicole Wiggins (OGC Nice Handball) e Darly Zoqbi (SCM Craiova). 

Central | Carmen Campos (BVB Dortmund), Silvia Arderius (Costa do Sol Málaga) e Alicia Fernández (CS. Rapid Bucuresti). 

Lateral Dereito | María Prieto (Caixa Rural Aula Valladolid), Paula Arcos (Vipers Kristianstad) e Mireya González (HC Dunarea Braila). 

Lateral Esquerdo | Lara González (CS Rapid Bucuresti), Danila So Delgado (AtticGo Elxe) e Alexandrina C. Barbosa (Brest Bretagne). 

Extremo Dereito | Marta López (CS Rapid Bucuresti), Maitane Etxeberria (Super Amara Bera Bera) e Paulina P. Buforn (Conservas Orbe Rubensa Porriño).  

Extremo Esquerdo | Jennifer Gutiérrez (CSM Bucuresti) e Soledad López (Costa do Sol Málaga). 

Pivote | Eli Cesáreo (Costa do Sol Málaga), Kaba Gassama (SG BBM Bietigheim) e Lysa Tchaptchet (Vipers Kristianstad).

Ningún comentario:

Publicar un comentario