O Concello de A Guarda vai habilitar unha oficina para corrixir a cartografía catastral do municipio
Infogauda / A Guarda
“O Concello de A Guarda habilitará en 10 días unha oficina técnica que se desprazará ás parroquias do municipio co obxectivo de atender, explicar e corrixir os erros do catastro detectados na cartografía do termo municipal da Guarda. A oficina terá atención personalizada ao público e sen custo”. Ese é o compromiso do equipo de goberno que preside Roberto José Álvarez Carrero.
As mesmas fontes indican que “o alcalde de A Guarda, mantivo dúas reunións coa Xerencia do Catastro en Pontevedra para trasladar e comunicar os múltiples erros nos planos catastrais do municipio e que conlevan que propiedades e leiras figuren mal catastrados nos planos do catastro.
O rexedor solicitou unha revisión de oficio de cartografía hai tempo atrás. Mais onte a xerencia do catastro comunicou a súa negativa para realizar este trámite, polo que o concello guardés decidiu habilitar unha oficina técnica de servizo para emendar os erros detectados e comunicalos ao Catastro”.
En palabras do alcalde: “Existen múltiples propiedades, edificacións e lindes que nos planos do catastro non se corresponden coa realidade física e real das propiedades. Así, por exemplo, observamos como nos planos invádense propiedades alleas, incorpóranse edificacións que pertencen a outras persoas ou como os lindes son totalmente erróneos. Con este servizo darase explicación pormenorizada do procedemento aos usuarios que estean interesados, as posibilidades de alteración favorable, modificaranse os planos e comunicarán as correccións ao catastro de forma voluntaria e gratuíta”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario