17 de abr. de 2024

TOMIÑO

Risas, maxia e tenrura para todos os públicos en Tomiño con Sarabela Teatro   

  Tarde en familia este 21 de abril, ás 17.30 h,  no auditorio de Goián, que acollerá a representación da obra ‘O secuestro da bibliotecaria’   




Infogauda / Tomiño

 Sarabela Teatro é garantía de desfrute. A compañía, unha das de maior prestixio en Galicia, das máis premiadas e cunha dilatada traxectoria profesional, chega esta fin de semana a Tomiño cunha proposta que garante unha hora de risas, maxia e tenrura para a cativada.  

 ‘O secuestro da bibliotecaria’ conta a historia da fermosa señorita Ernestina, bibliotecaria da vila de Parangón. Aínda que é orfa e non ten familiares ricos un grupo de bandidos decídese a secuestrala para xerar un caos cultural que obrigue ás autoridades a pagar polo seu rescate. Unha historia que dá un xiro inesperado ao descubrir a banda que a señorita Ernestina os contaxiou a todos da varicela e os deixou perdidos de grans e con toda a súa autoridade polo chan. Un escenario complicado no que un tremor de terra chega para rematar de rizar o rizo.  

 A alcaldesa, Sandra González, anima a toda a veciñanza a gozar desta obra dirixida para público infantil que chegará a auditorio municipal de Goián este domingo 21 de abril ás 17.30 horas. 

 As entradas poderán mercarse a un prezo de 3 euros persoas adultas e 1,5 euros menores de 12 anos unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario