18 de abr. de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra recibe a mención especial de Viajes National Geographic ás Rías Baixas como destino gastronómico 

 A deputada de Turismo, Nava Castro, recolleu no Club Allard, de Madrid, o recoñecemento outorgado polos lectores da publicación nunha votación en liña


A deputada de Turismo, Nava Castro, acaba de recoller o galardón outorgado polos lectores da publicación Viajes National Geographic
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra suma outro recoñecemento á excelencia do destino Rías Baixas, desta volta directamente por parte do público final. A deputada de Turismo, Nava Castro, acaba de recoller o galardón outorgado polos lectores da publicación Viajes National Geographic, que lle deron unha mención especial á provincia de Pontevedra na categoría de mellor destino gastronómico nos seus Premios dos Lectores de Viajes National Geographic 2024. A entrega tivo lugar no Club Allard (Madrid) tras tres semanas de votación en liña o pasado mes de febreiro.  

 Sobre o destino Rías Baixas, a revista destaca que “a combinación dos ricos mares, os verdes pastos e os fértiles viñedos permitiron que esta rexión se convertese nun fervedoiro de restaurantes exquisitos, rutas gastronómicas e experiencias co sabor como protagonista”. Ademais, Viajes National Geographic sinalou que o produto da provincia está sendo promovido “cunha nova xeración de restauradores que potencian as receitas clásicas e exploran novas fronteiras”. A provincia de Pontevedra competía nesta categoría con Córdoba (que gañou o primeiro premio), Terras do Ebro, a Costa Guipuscoana e as Terras de Xaén.  

 A gastronomía é unha experiencia 100 % Rías Baixas, un dos principais sinais de identidade da provincia de Pontevedra, tanto polos seus peixes e mariscos coma polas súas carnes, os produtos do campo, os queixos e o mel ou os viños con recoñecemento internacional. Na provincia de Pontevedra trabállanse produtos de cinco denominacións de orixe e outras once indicacións xeográficas protexidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario