12 de abr. de 2024

TOMIÑO

O subdelegado presidíu a Xunta Local de Seguridade xunto a alcaldesa, Sandra González 

O Concello de Tomiño incorpórase ao servizo ATENPRO para mellorar a protección das mulleres vítimas de violencias machistas 

• O dispositivo ofrece ás usuarias unha resposta inmediata e a distancia por parte de persoal especializado ante calquera eventualidade  

• Na reunión analizáronse tamén as cifras de delitos do municipio, que se reduciron nun 17 % con respecto ao ano anterior 

• O subdelegado destaca que Tomiño rexistra unha taxa de criminalidade un 50% inferior á media española 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade de Tomiño xunto coa alcaldesa, Sandra González

Foto: S. de G.

Infogauda / Tomiño

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade de Tomiño xunto coa alcaldesa, Sandra González. O subdelegado valorou como un avance moi positivo a incorporación do concello ao Servizo Telefónico de Atención e Protección ás Mulleres (ATENPRO), que xa está atendendo e mellorando a seguridade de 206 mulleres en toda a provincia de Pontevedra. Abel Losada explicou que este recurso de teleasistencia que proporciona o Ministerio de Igualdade do Goberno de España ás vítimas de violencias machistas, organízase mediante un convenio asinado coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Polo que o concello de Tomiño deberá agora solicitar a súa adhesión a través deste ente.  

 O servizo, que naceu orixinariamente para protexer ás vítimas de violencia de xénero, ampliouse no pasado ano 2023 a tódalas vítimas de violencia machista, para que tamén as mulleres que son vítimas de violencia sexual, explotación sexual, trata ou calquera tipo de violencia sobre as mulleres poidan gozar del durante os 365 días do ano e as 24 horas do día. Baséase no subministro dun teléfono móbil coas últimas tecnoloxías de telelocalización que permite entrar en contacto en calquera momento cun centro atendido por persoal formado para dar unha resposta adecuada a cada necesidade. Diante de situacións de emerxencia, o persoal do centro está preparado para dar unha resposta adecuada e mobilizar os recursos precisos. 

 Abel Losada aplaudiu o interese do Concello de Tomiño por incorporarse á rede de ATENPRO e destacou o acerto deste programa, pensado para que os concellos poidan ofrecer ferramentas de apoio ás mulleres vítimas, dado que é o persoal dos Servizos Sociais municipais quen decide a asignación do dispositivo móbil ás mulleres, ben por solicitude ou por propia iniciativa. A entrega do dispositivo realízase, de xeito discreto, pola Cruz Vermella como entidade xestora do programa.  

 Finalmente, a Xunta Local de Seguridade valorou a evolución favorable na redución da delincuencia durante o último ano, cun descenso dun 17,35% na estatística global e baixadas na práctica totalidade das tipoloxías delictivas. A baixada foi dun 5% no caso dos delitos graves e menos graves, dun 28,5% nos delitos leves e dun 35,5% nas infraccións administrativas. “Está moi claro que Tomiño, á parte dunha de ter unha gran calidade de vida, é un concello moi seguro e isto, ademais dunha percepción subxectiva, é unha realidade estatística”, comentou o subdelegado.  

 Neste sentido, o subdelegado indicou que a taxa de criminalidade de Tomiño, un índice que reflicte o número de delitos cometidos por cada mil habitantes, sitúase no 24,79 por mil, menos da metade que a taxa nacional, que está no 51,2 por mil. “Conseguir reducir os números tendo en conta este punto de partida é especialmente salientable e débese agradecer ás forzas e corpos de seguridade que operan e traballan conxuntamente neste municipio”. 

 Durante a Xunta de Seguridade valorouse tamén a posibilidade de que o Concello comece a traballar na elaboración dun proxecto construtivo dun novo edificio que permita agrupar o posto da Garda Civil e as dependencias da Policía Local, co obxectivo de ser elevado ao Ministerio de Interior.   

 Finalmente a alcaldesa trasladou o subdelegado a preocupación pola seguridade viaria na estrada autonómica PO-344 nos lugares de Figueiró e Barro, onde as perdas producidas por unha tubaxe xeral de abastecemento de auga do Consorcio de Louro están a producir afundimentos na calzada. O subdelegado comprometeuse a trasladar esta preocupación pola seguridade viaria nesta estrada autonómica á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia para que actúe no ámbito das súas competencias, ao tratarse dunha estrada pertencente á rede autonómica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario