A Deputación de Pontevedra destina preto de 95.000 euros a 17 estudantes de FP para que completen a súa formación no estranxeiro ao abeiro do programa “Erasmus+”
• Son alumnado da Estrada, As Neves, Pontevedra, Tomiño e Vigo que realizarán estadías de entre tres e catro meses en Portugal, Italia, Malta, Irlanda e Croacia
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra aproba que se destinen 94.636 euros para que 17 estudantes de ciclos medios de formación profesional da provincia poidan realizar prácticas laborais en empresas e institucións europeas, facilitando desta maneira a súa inserción laboral. Trátase da primeira mobilidade do programa "Erasmus+" 2023, que conta cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, dos que o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) achega 1,2. Con esta nova saída, ata o momento xa son 32 as persoas que están a gozar das mobilidades internacionais do programa na edición de 2023, que aínda se está a desenvolver.
Estas 17 alumnas e alumnos, que comezarán as súas prácticas a finais deste mes de abril, viaxarán a Portugal (3), Italia (7), Malta (3), Irlanda (3) e Croacia (1) para completar a súa formación en estadías que terán unha duración de entre tres e catro meses. Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, "as axudas variarán en función do país de destino e da duración da mobilidade, e van desde os 4.400 euros ata preto dos 6.350 euros". En concreto, trátase de sete alumnos do Divino Maestro de Vigo; dous do IES Ricardo Mella, de Vigo; dous do IES Audiovisual, de Vigo; dous do CIFP A Xunqueira, de Pontevedra; un do IES Antón Losada Diéguez, da Estrada; un do CPR Daniel Castelao, de Vigo; un do EFA A Cancela, das Neves; e un do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño. En canto aos seus estudos, realizaron ciclos de FP sobre coidados auxiliares de enfermería, xestión administrativa, vídeo disc-jóckey e son, carpintería e moble, emerxencias sanitarias, informática básica de oficina, instalación e amoblamento, e instalacións de telecomunicacións.
Con estas bolsas a Deputación de Pontevedra pretende proporcionarlle á mocidade apoio económico para facerlles fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización destas prácticas que buscan facilitarlles a transición ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario