5 de abr. de 2024

ECONOMÍA

Éxito da folga no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra por un convenio digno 

 Máis de 300 persoas traballadoras participaron nas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo coincidindo coa primeira xornada de paros 


Vista parcial das persoas participantes na mobilización en Vigo, do sector de oficinas e despachos para reclamar un convenio digno
Foto: CIG


Infogauda / Vigo / Pontevedra

 A primeira xornada dos paros parciais convocados pola CIG-Banca para reclamar un convenio digno no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra tivo un amplo seguimento, tal e como evidenciaron as concorridas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo durante a mañá. Máis de 300 persoas traballadoras participaron nas concentracións celebradas diante da sedes das patronais Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e Asime ao berro de “Por un convenio digno, por un salario xusto”. 

 Os paros parciais e as protestas continuarán o vindeiro xoves 11, mentres que para o luns 15 hai convocada unha folga de 24 horas para rexeitar a proposta do empresariado dun sector que leva 12 anos co convenio paralizado “Malia isto, e tras nove xuntanzas da mesa negociadora, a patronal segue sen entender que non imos conxelar o complemento de antigüidade e négase a aceptar a realidade salarial do sector”, lamentan dende a central. 

 O empresariado pretende substituír o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9 euros brutos anuais, unha proposta da CEP que non recoñece a profesionalidade do persoal do sector nin o seu carácter esencial, “como quedou claro durante os momentos máis duros da pandemia da covid”. Tamén quere que a aplicación en táboas sexa dende o 1 de xaneiro deste ano, “mentres que para nós é innegociábel que a aplicación sexa dende xaneiro de 2023”. E négase a introducir unha cláusula de garantía salarial que operaría en casos de inflación disparada (como aconteceu nestes últimos anos). 

 Por iso na CIG entenden que o único xeito de lograr o convenio “digno e xusto” que merecen os traballadores/as pasa pola mobilización. “Loitar é o único camiño para dignificar as nosas condicións de traballo e para adaptar os nosos salarios á realidade económica actual, e non imos esperar máis tempo”.  

 De xeito que a central celebrou asembleas abertas co persoal do sector nas que se decidiu convocar paros parciais que comezaron hoxe e que continuarán o xoves 11, mentres que para o vindeiro luns 15 de abril optouse por unha folga de 24 horas. Coincidindo co paro do día 11 haberá de novo concentracións en Asime ás 10:30 e na CEP ás 12:00 horas.  

 Inciden en que tanto Asime, a patronal do metal, como Anfaco, da industria conserveira “son dúas das empresas afectadas por este convenio que máis resistencia amosan para non alcanzar acordos xa que pretenden seguir pagándolle o salario mínimo ao seu persoal”. E lembran que as súas pretensión empeorarían o actual convenio a pesar de que leva caducado dende 2011, “xa que agora aínda que cobran o SMI polo menos teñen plus de antigüidade, pero os plans do empresariado pasa pola súa conxelación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario