10 de abr. de 2024

PONTEVEDRA

Xuntanza da Comisión Provincial de Seguimento 

Abel Losada destaca o espectacular crecemento dun 80% do Plan Director na provincia chegando a máis de 34.500 estudantes 

• Seis de cada dez centros educativos da provincia solicitaron charlas do plan, coa ciberseguridade e o acoso como principais preocupacións  

• O Plan aborda este curso novas temáticas, como a trata de seres humanos, a prevención de delitos sexuais, a desaparición de menores sen causa aparente ou a protección do medio ambiente e a natureza 

• O subdelegado eloxia o compromiso da Policía Nacional e a Garda Civil “con esta fantástica iniciativa” porque desenvolveron “nada menos que 1.041 charlas informativas” 

• Anima ás Policías Locais a incorporarse ao Plan Director, de acordo co previsto coa última Instrución do Ministerio do Interior


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada presidíu a reunión da Comisión Provincial de Seguimento do “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas”
Foto: S. de G. 

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, reivindicou hoxe “a historia de éxito” do Plan Director a partir da cooperación entre administracións, forzas de seguridade e comunidade educativa para promover a convivencia nos colexios e institutos de Pontevedra. Un plan nacido para “acentuar o valor da prevención, protexendo á poboación máis nova nun mundo tan cambiante como actual no que aparecen novos riscos, relacionados fundamentalmente co mundo das tecnoloxías”. Así o sinalou na reunión da Comisión Provincial de Seguimento do “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas”, o programa creado en 2007 polos ministerios do Interior e de Educación para promover a cultura de seguridade entre a poboación escolar.   

 Na xuntanza participaron, ademais do subdelegado do Goberno en Pontevedra, o director da Alta Inspección de Educación en Galicia, Xosé Lois García; o inspector de Educación da Xunta de Galicia José María Alén e as persoas responsables das unidades especializadas da Policía Nacional e da Garda Civil que se encargan de coordinar as actividades na provincia.  

 Abel Losada celebrou o “avance imparable” do Plan Director na provincia, que no último ano creceu expoñencialmente. Así das 38.000 persoas participantes neste programa gobernamental durante o pasado ano, un total de 34.661 eran estudantes (un 80% máis), 2.185 profesores (un 93% máis) e profesoras e 1.092 familiares (un 73% máis). Un crecemento que se está acelerando nos últimos anos, “froito do gran traballo que fan os equipos da Policía Nacional e da Garda Civil e da adaptación continua do catálogo de charlas ás necesidades que van xurdindo”. 

 As cifras do pasado ano demostran tamén que un 63% dos centros educativos da provincia solicitaron charlas do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade. En termos absolutos participaron un total de 314. “Non obstante, no caso dos centro sostidos con fondos públicos esta porcentaxe é maior, polo que hai marxe de mellora nos privados”, explicou o subdelegado.  

 O subdelegado puxo moi en valor este traballo policial destacando que ambos Corpos desenvolveron “nada menos que 1.041 actividades de formación e prevención”  e asegurou que son as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado as quen fai posible que esta “fantástica iniciativa saia adiante”. Recordou que detrás de cada sesión, de cada charla, hai axentes desprazándose e investindo o seu tempo e formándose previamente para explicar a rapaces, ás veces moi novos, os riscos das distintas ameazas que van xurdindo con cada nova forma de delincuencia. “Hai un esforzo humano que cómpre recoñecer”, insistiu. 

 Ademais, no marco do Plan Director a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 2.861 vixilancias intensivas no entorno dos centros educativos da provincia, sen que fora detectado nin desactivado ningún punto de venta de drogas ao longo do ano 2023. Aínda que si se detectou e desarticulou un nun centro educativo de Sanxenxo no pasado mes de febreiro deste ano, 2024. 

Novas temáticas 

 Os temas máis solicitados polos centros de ensinanza foron, en primeiro lugar, a ciberseguridade, especialmente a protección de nenos e nenas nas redes sociais, seguidas das charlas sobre acoso ou ciberacoso escolar. As violencias machistas e as adiccións a drogas, ao xogo ou á tecnoloxía ocupan, respectivamente, a terceira e cuarta posición entre as máis solicitadas. 

 O subdelegado anunciou que “na aposta do Goberno por adaptarse constantemente ás demandas sociais e as novas necesidades en materia de seguridade entre os escolares, o catálogo formativo do Plan Director abordará este ano novas temáticas, como a trata de seres humanos, a prevención de delitos sexuais, a desaparición de menores sen causa aparente ou a protección do medio ambiente e a natureza”. “A xente debe ser consciente que ese milleiro de charlas que se deron durante o ano pasado evitaron, de seguro, a comisión dun bo número de delitos”, incidiu, “e por iso é importante ir cubrindo as novas frontes que a delincuencia vai abrindo aproveitando, en moitas ocasións, que unha gran parte da poboación escolar dispón dun teléfono móbil e, por tanto, é potencialmente accesible en liña”.  

 Abel Losada recordou tamén que o Plan Director está aberto a centros privados, ao igual que os públicos, polo que animou ás direccións e ás asociacións de nais e pais a solicitalo “porque os resultados son excelentes e hoxe xa podemos dicir con solemnidade que o Plan Director mellorou a oferta educativa dos centros e que, por tanto, está plenamente consolidado”. 

 O subdelegado recordou que a última Instrución do Ministerio do Interior recomenda abrir o Plan Director ás Policías Locais polo que levará esta solicitude ás Xuntas Locais de Seguridade que se vaian celebrando de agora en diante. Apostar por unha maior implicación das Asociacións de Nais e Pais, que teñen ao seu dispor charlas específicas moi útiles para axudar na formación e protección dos seus fillos e fillas, será a outra gran liña de traballo dende a Subdelegación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario