10 de abr. de 2024

O ROSAL

O Rosal pon en marcha un ciclo de 5 andainas interpretativas para por en valor o seu patrimonio cultural e natural 

 As rutas, de balde, e dificultade media-baixa, comezarán o vindeiro 21 de abril un percorrido polas Eiras. Necesaria inscrición previa en rutas@orosal.gal


A capela e as sobreiras da Madalena, en Eiras (O Rosal)

Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal  

 Camiñar para coñecer cada recuncho do Rosal dun xeito sinxelo, ameno e divertido. Con ese obxectivo o Concello pon en marcha un ciclo de cinco andainas interpretativas de balde que ao longo dos vindeiros meses permitirá a todas e todos os participantes “compartir lecer con outros veciños e veciñas e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxísto e natural do Rosal”.

 O concelleiro de Turismo e Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destaca que se trata “dunha nova oferta de turismo e de lecer coa que desfrutar practicando unha actividade tan sa e interesante como o sendeirismo ao tempo que seguimos coñecendo os segredos que agochan as nosas parroquias e que en moitas ocasións para desapercibido”.

 Serán cinco andainas de dificultade media baixa con percorridos de entre 5 e 10 quilómetros e guiadas por persoal experto co que coñecer tamén a flora e a fauna autóctona, a xeoloxía, a toponimia ou a antropoloxía de diferentes recunchos do Rosal dun xeito ameno. Este ciclo estrearase o domingo 21 de abril cunha andaina pola parroquia das Eiras para coñecer os máis de 300 petróglifos do Ghorghalado; e a capela e as sobreiras da Madalena, con máis de 400 anos de. historia, así como a praia ou o cruceiro e o peto de ánimas do Camiño da Cubela. A saída será ás 10.00 horas dende as adegas Val Miñor, na estrada PO-552 de Tui á Guarda, onde comezará un percorrido circular de 6 km e unhas tres horas de duración.

 O percorrido transcorrerá por pistas e camiños de terra polo que, aínda que é de dificultade baixa-moderada, a ruta non é apta para persoas con mobilidade reducida. Para desfrutar da actividade, recoméndase levar calzado axeitado e roupa cómoda adaptada á climatoloxía, bastóns ou elementos de apoio similares e auga e algo para picar durante o roteiro.

 A segunda andaina será o 19 de maio pola Senda dos pescadores do río Carballas (Tamuxe), unha ruta totalmente chan duns 8 km dende a área de lecer das Aceñas coa praia das Eiras no río Miño. O 16 de xuño será a quenda de Couselo – Niño do Corvo, un roteiro circular de 8 km con saída e chegada na aldea de Couselo que permitirá descubrir tamén pesqueiras e viñedos. Aínda sen data, tamén se realizará unha andaina dende os muíños do Rego da Cal ata a ermida de San Martiño e outra pola beira atlántica, percorrendo o Camiño de Santiago pola Costa e o Alto da Portela.

 As persoas interesadas en participar en calquera destas andainas deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico rutas@orosal.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario