20 de abr. de 2024

O MORRAZO

A ASISTENCIA DO 061 NO GRAVE ACCIDENTE CUN TRACTOR EN COIRO DEMOROUSE 24 MINUTOS 

AO NON HABER NINGUNHA AMBULANCIA DISPOÑIBLE NO MORRAZO


Foto: CIG

Infogauda / O Morrazo     

 A representación sindical do 061 de Cangas e de Moaña volveu denunciar os problemas polo retraso na asistencia ante a falta de ambulancias do 061 na Comarca. Advirten que este tipo de situacións onde unha emerxencia vital tarda máis de 15 minutos en recibir unha primeira asistencia sanitaria por parte do persoal técnico de emerxencias é algo completamente habitual no seu día a día no Morrazo e para nada se trata dun feito anecdótico ou dunha situación puntual.     

 O pasado venres 19 de abril un veciño da parroquia canguesa de Coiro sufriu un accidente tras sufrir, presuntamente, un evento cardíaco repentino mentres circulaba por un finca da súa propiedade.     

 Unha vez máis ante a falta de recursos, o persoal da central de coordinación do 061 veuse obrigado a mobilizar como recurso máis próximo a unha ambulancia da zona que se atopaba nese momento na cidade de Vigo, polo que tardou 24 minutos en chegar dende que foi alertado.      

 Para poder prestar a mellor asistencia posible houbo que botar man da colaboración da policía local de Cangas, quen trasladou ao persoal de medicina e enfermería dende o PAC e completar así un equipo sanitario de Soporte Vital Avanzado.    

 Grazas aos esforzos en soporte vital levados a cabo polo persoal Técnico de Emerxencias Sanitarias en primeira instancia e posteriormente polo persoal do PAC, conseguiuse reanimar á vítima que estivo, aparentemente, máis de 24 minutos en parada cardiorrespiratoria.     

 Segundo as fontes sanitarias consultadas, non se pode asegurar que o pronóstico da vítima, que se atopa actualmente en estado moi grave, fose diferente. Sen embargo, apuntan que a evidencia científica demostra, sen lugar a dúbidas, que iniciar unha reanimación antes dos primeiros 8 minutos é clave para a aumentar a posibilidade de supervivencia, así como para reducir as secuelas derivadas da privación de osíxeno no propio corazón e no cerebro.        

Empeoramento da asistencia durante o verán     

 Os representantes sindicais advirten unha vez máis que a situación no verán non fará máis que empeorar debido ao aumento da poboación, chegando a triplicarse segundo cifras oficiais. Pese a este dato, de sobra coñecido pola Consellería de Sanidade, o número de recursos, xa insuficientes durante todo o ano, tampouco se incrementan durante a época estival.     

 Na actualidade, a cabeceira da comarca do Morrazo conta tan só con 3 ambulancias con bases en Cangas, Moaña e Bueu para unha poboación estable de 60.000 habitantes espallados por unha superficie de máis 100km2 con 93 praias.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario