20 de abr. de 2024

MOS

O conselleiro de Cultura inaugura a nova biblioteca municipal María Magdalena, de Mos 

José López destaca que a reforma integral permite dotar a este contedor cultural de novos espazos infantís, tecnolóxicos e máis recursos audiovisuais 

O investimento da Xunta de Galicia ascendeu a 250.000 euros 


O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, inaugurou esta mañá a nova biblioteca municipal María Magdalena, de Mos
Foto: X.G.

Infogauda / Mos

 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, inaugurou esta mañá a nova biblioteca municipal María Magdalena, de Mos, cuxa reforma integral contou co apoio do Goberno galego. Neste sentido, destacou o compromiso das administracións públicas -neste caso Concello, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia- de cara a mellorar os espazos culturais.   

 O titular de Cultura lembrou que un dos obxectivos prioritarios da Consellería é facilitar e mellorar o acceso á cultura de todos os galegos, “e as bibliotecas públicas son unha parte indispensable que garante ese acceso á cultura desde o máis próximo, desde o local”, remarcou.  

 Esta reforma integral, na que a Xunta investiu 250.000 euros a través dun convenio de colaboración, permite dotar este contedor cultural dunha nova zona infantil de lectura, sala de estudo, así como áreas de informática e novos sistemas audiovisuais. Así mesmo, tamén se facilitou a accesibilidade.   

Rede de bibliotecas de Galicia 

 A biblioteca María Magdalena, de Mos, que recorda no seu nome á súa veciña poeta que destacou por reivindicar o papel da muller no rural, súmase á rede de bibliotecas públicas de Galicia, integrada por 312. No ano 2023 sumaron máis de 800.000 usuarios, realizaron case 2 millóns de préstamos e dinamizaron 12.000 actividades.   

 O conselleiro tamén puxo en valor as bibliotecas móbiles de Lugo e Ourense, que permiten achegar estes servizos a concellos que non dispoñen deles, e avanzou a posta en funcionamento dunha nova.

Ningún comentario:

Publicar un comentario