O subdelegado presidiu a Xunta Local de Seguridade xunto ao alcalde, Francisco Ferreira
• Abel Losada convida ao Concello de Gondomar a aproveitar todo o potencial do Plan Director
• O subdelegado pide a colaboración do Concello para que as actividades formativas organizadas pola Garda Civil no marco deste plan dirixido a centros educativos cheguen tamén ás familias
Infogauda / Gondomar
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade de Gondomar, xunto ao seu alcalde, Francisco Ferreira, na que se abordou o impacto do Plan Director para a Seguridade e Convivencia nos Centros Educativos e nas súas Contornas. O subdelegado pediu a máxima colaboración do Concello para que estas charlas, que ofrece a Garda Civil para formar á comunidade educativa na prevención da comisión de delitos, cheguen tamén, dun xeito moi especial ao colectivo de nais e pais. Abel Losada destacou que os datos do pasado ano indican un exponencial crecemento do alumnado participante en toda a provincia, pero é necesario facer fincapé en que as actividades tamén se ofertan, dun xeito específico, ás Asociacións de Nais e Pais (ANPA).
“A xente nova está exposta hoxe a riscos derivados fundamentalmente da irrupción das tecnoloxías e as familias necesitan apoio e ferramentas útiles para estar alerta e detectar os sinais temperás de alerta”, afirmou Losada. O Concello de Gondomar colaborará para facer chegar a información sobre o amplo abano de actividades formativas do Plan Director ao colectivo de nais e pais.
A Xunta Local abordou tamén a optimización da colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local en materia de tráfico, así como as estatísticas de criminalidade do pasado ano. Neste sentido, Abel Losada destacou que Gondomar é un concello moi seguro, xa que rexistra unha taxa de criminalidade, cifra que indica o número de delitos que se producen por cada mil habitantes, do 29,58 por mil. “Este número é inferior á media da provincia, que se sitúa no 36 por mil, máis baixo que o autonómica, que está no 35,2 por mil, e está moi lonxe da media nacional, que é do 51,2 por mil”. E se ben é certo que o ano pasado produciuse un incremento interanual do 15 % no número de delitos, tamén aumentou nun 36 % o número de persoas detidas e investigadas, que chegaron ás 121.
Por último, o subdelegado salientou o índice de esclarecemento de delitos, próximo ao 60% e que evidencia “o importante traballo da Garda Civil, en estreita colaboración coa Policía Locla, nesta localidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario