O persoal de Constellium en folga indefinida traslada as protestas a Stellantis en Vigo
• Rexeitan a imposición de altos ritmos de traballo e o despido represivo dun compañeiro
O cadro de persoal de Constellium Automotive trasladou hoxe as protestas á entrada principal da fábrica de Stellantis en Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O cadro de persoal de Constellium Automotive, en folga indefinida dende o pasado 1 de abril para rexeitar a imposición de altos ritmos de traballo e o despido represivo dun compañeiro, trasladou hoxe as protestas á entrada principal da fábrica de Stellantis en Vigo.
O paro está a ter un amplo seguimento entre os traballadores/as da empresa auxiliar do sector da automoción con sede no polígono porriñés da Granxa, o que obrigou a dirección suspender nun primeiro momento as tres quendas de traballo e a agrupalas nunha única, mentres que agora traballa con dúas que se nutren de persoal eventual e de ETT.
Segundo explican dende a CIG, que conta coa totalidade da representación no comité (cinco delegados/as), a convocatoria de folga chegou despois de que a dirección decidise romper as negociación que mantiña coa representación sindical para determinar os tempos de produción e optase por comunicar o despido dun traballador “coa intención de amedrentar o cadro de persoal”.
A cuestión dos ritmos de traballo quedara pendente dende a chegada da CIG ao comité, tempo no que se conseguiron outras melloras laborais. “A representación sindical esixía mediacións reais para determinar os tempos esixíbeis por parte da empresa, o que motivou un conflito con anterioridade, tras o que se logrou que unha compañía externa fixese as medicións”. Mais algúns parámetros quedaron en mans de Constellium, que non os contemplou á hora de fixar os ritmos.
“Estívose tempo negociando, pero a empresa anunciou que a partir do día 1 de abril comezaba a aplicalos a pesar de que non se chegou a un acordo”, denuncian na CIG-Industria. O sábado 23 de marzo o persoal celebrou unha asemblea para abordar a situación, acordando convocar folga a partir do día 1 no caso de a dirección non dese marcha atrás. “Quedouse de comunicarlle a decisión a Constellium o luns 25, pero o mesmo domingo 24 a empresa despide un traballador como represalia, algo que xa fixera con anterioridade”.
De xeito que o cadro de persoal opta por facer efectiva a convocatoria de folga indefinida dende as 22:00 horas do domingo 31 de marzo (ao inicio da quenda de noite). Dende entón desenvolve tamén concentracións ás portas da empresa, mentres que no día de hoxe optou por trasladalas a Stellantis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario