22 de abr. de 2024

DEPORTES

PIRAGÜISMO

O CLUB DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGOS GAÑADOR DA COPA DAVID CASTRO (2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM), EN COVAS  


Membros do Club Deportivo Miño-Teixugos

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 As augas do río Coura ao seu paso pola localidade cerveirense de Covas acolleron esta fin de semana dúas competicións da Liga Galega de Slálom. O sábado disputouse a Copa David Castro, a 2ª Copa Galega de Promoción de Slálom, que comprende as categorías benxamín, alevín e infantil. O domingo as categorías cadete e infantil competiron no Campionato Galego de Novas Promesas. Ámbalas dúas organizadas polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que escolleron o magnífico campo de slálom de Azenha de Pagade, no veciño Portugal, para os dous eventos.   

 Na mañá do sábado quince pequenos deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos participaron na Copa David Castro, equivalente a segunda das competicións da Copa Galega de Promoción de Slálom. Nestas categorías o resultado non é o que máis importa, os pequenos deportistas supéranse a si mesmos na loita contra o río e melloran a súa técnica.  









 Seis foron as medallas que acadaron os pequenos teixugos e teixugas. Roque Olveira foi ouro en K1 benxamín. Na mesma categoría Nicolás Piñeiro acadou o bronce. Lois Montenegro e Rita Olveira conseguiron a prata en K1 alevín masculino e feminino. Outra medalla de bronce máis para Leila Álvarez en K1 infantil e unha de ouro para a máis nova de toda a competición, Iria Álvarez, que a acadou en K1 pre-benxamín.  

 Nerea Álvarez quedou cuarta en C1 infantil, sendo a única que dobrou a súa participación. En  K1 infantil Alejandro Barreiro foi cuarto, Xurxo Rodríguez, sexto, e Leo Álvarez, sétimo. En K1 Infantil feminino Nerea Álvarez foi quinta; Catalina Sánchez, 7ª; e Beatriz Sánchez, oitava. Martín Vicente rematou sétimo en K1 alevín. En K1 benxamín, Brais Vicente conseguiu o quinto lugar e Aarón da Cruz o sétimo.  




 Na puntuación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi declarado gañador con un total de 223 puntos, seguido do Montaña Quixós, de Lugo con 192 ,e o Piragüismo Dumbría con 96.  

 O domingo, tamén no campo de slálom de Covas, tivo lugar o Campionato Galego de Novas promesas, que solo contou coa participación de dúas “teixugas” que deixaron o pavillón ben alto. Leila Álvarez acadou a medalla de bronce e Nerea Álvarez foi cuarta na categoría infantil. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario