22 de abr. de 2024

O ROSAL

O Rosal emprende o camiño cara ao pracer nos seus ‘Cafés en igualdade’  

 A pedagoga e sexóloga Erea Devesa abordará este tema co público este xoves 25 ás 17.30 h no salón de exposicións do Concello  




Infogauda / O Rosal 

 A educación sexual integral é un dereito clave para unha sociedade sostible, para establecer relacións saudables ao longo da vida e camiñar cara a un futuro en igualdade e sen violencias. Precisamente a ‘Sexualidade e desexo. O camiño cara ao pracer’ será a temática da nova sesión dos ‘Cafés en Igualdade’ do Rosal, unha xornada na que rachar estigmas, tabús e medos con Erea Devesa. Esta nova cita será o xoves 25 de abril a partir das 17.30 horas no salón de exposicións do Concello co apoio da Tapería A Praza nas consumicións. 

 Erea Devesa é pedagoga e sexóloga especializada en igualdade de xénero e conta cunha ampla experiencia desenvolvendo o seu labor profesional no ámbito da educación sexual con diferentes públicos, dende a educación en centros escolares ata foros, asociacións, formación profesional... Un traballo que a apaixona resultado de unir unha firme convicción feminista coas ganas de cambiar as cousas e a necesidade dunha educación sexual de calidade.  

 Os ‘Cafés en Igualdade’ nacen da man do Concello do Rosal co obxectivo de achegar á veciñanza temas de interese e de grande actualidade dun xeito ameno e distendido, nesta edición levando a igualdade a todos os recunchos e percorrendo ademais os barrios. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliña a importancia de “establecer espazos de convivencia e aprendizaxe que permitan abordar novas temáticas dende o coñecemento, o diálogo, o respecto e a reflexión, espazos nos que unirse e explorar temas relevantes, enriquecéndose con diferentes perspectivas e experiencias”. 

 Os ‘Cafés en Igualdade’ continuarán cunha nova sesión de balde o último xoves de maio de 17.30 a 18.30 horas. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario