8 de abr. de 2024

A GUARDA

Presentación do libro “Cento doce viaxes na miña terra”,  de Xoán Colazo Pazó 

 O vindeiro mércores 10 de abril ás 20:15 horas, na Sala de plenos do Concello de A Guarda




Redacción / A Guarda

 O vindeiro mércores 10 de abril ás 20:15 horas, a Sala de plenos do Concello da Guarda acollerá a presentación do libro editado por Sermos Galiza “Cento doce viaxes na miña terra”. Trala presentación por parte de Xosé Manuel Méndez, o autor –Xoán Colazo Pazó- debullará o contido desta publicación de case 500 páxinas e máis de 250 fotografías que percorre todas as comarcas do país cunha ollada afastada dos tópicos para consumo inmediato. O acto, entendido como unha palestra na que se proxectarán imaxes de elementos naturais, patrimoniais e históricos, dá pé a unha reflexión sobre o noso territorio, gravemente afectado por múltiples formas de destrución e degradación.  

 En oito de xuño de 2012 regresaba o galego aos quioscos coa publicación do semanario Sermos Galiza. Xa nese primeiro número apareceu a sección Viaxes, obra do Colectivo Xea, na que Xoán Colazo compartiu andanzas con Adela Leiro e Mon Daporta, mestres e compañeiros de vello en publicacións d’A Nosa Terra. O libro recolle as cento doce colaboracións da súa responsabilidade e que abranguen unha década de publicacións, até decembro de 2022. Dalgún xeito, son tamén unha mostra resumida da longa experiencia de toda unha vida de percorrer Galiza enteira. 

 O libro busca partillar a paixón polo país, espertar na xente o interese de saír a camiñar e coñecer a nosa terra, como xeito de valorala, querela, reivindicala e sermos conscientes da nosa historia, da rica arte, da natureza vizosa, da toponimia de noso, das poéticas formas de montes, ribeiras e vales. E, sobre todo, saír do noso horizonte cotián permítenos coñecer e falar coas persoas que habitan, dan sentido e moldean este territorio variado e gozoso. A experiencia de visitar un bosque, ollar unha vella igrexa ou fotografar unha fervenza estaría pexada de non escoitarmos o que os veciños e veciñas poidan dicir deles, ou simplemente sentir como interpretan as cousas da vida. 

 Pero viaxar tamén nos confronta coas miserias do noso país. Coñeceremos daquela elementos patrimoniais estragados, zonas de grande interese natural degradados por desleixo ou voracidade de intereses económicos, e en toda parte unha cultura agredida e unha poboación que esmorece. Saber destas fondas feridas da terra debera levarnos a reaxir e loitar por darlle un destino mellor ao territorio e por extensión ao planeta. 

 Este libro de viaxes na nosa terra non son unha simple guía para localizar lugares ou unha recreación de instantes vividos por quen percorre un país máis amplo có que sinalan as fronteiras administrativas. Tentan ser unha incitación á viaxe. Dalgunha maneira, viaxar por Galiza é como acadar unha terra ignota por descoñecida e ocultada. O libro procura loitar contra esa ignorancia do que nos é propio, e amosar o tantas veces invisíbel malia estar ao noso carón.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario