Aprobada en pleno a moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE, en relación á sinalización das fontes públicas
Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda
No pleno do pasado mércores o grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou unha moción que resultou aprobada e grazas á cal sinalizaranse todas as fontes de A Guarda, e naquelas nas que non exista un proceso de potabilización, e nas que se teña constancia de que a poboación recolle auga para consumo humano, exporanse os resultados das últimas análises realizadas, co obxectivo de que a poboación teña a máxima información sobre a súa calidade.
Despois de que o Concello colocase uns carteis, de interpretación dubidosa, en varias fontes moi utilizadas da vila como a da Cal, Buxán ou Pintán, e trala denuncia de varios veciños e veciñas, decidimos presentar unha moción ao respecto.
En dita moción solicitábase que, por un lado, se sinalizaran todas as fontes da vila, indicando se a auga que mana das mesmas é ou non apta para o consumo humano, e no caso daquelas nas que non exista ningún proceso de potabilización, ademáis do cartel que Sanidade indica (“AUGA SEN GARANTÍA SANITARIA. Auga sen tratamento de desinfección, procedente de fonte natural. O Concello no pode garantir a súa calidade”), se coloque outro a maiores, no que conste a data do último análise e os resultados obtidos, indicando se, trala analítica, a auga se consideraba ou non apta para o consumo humano.
A concelleira de Medio Ambiente tentou, durante a súa intervención, poñer en dúbida as labores de control das fontes do anterior equipo de goberno, chegando a afirmar que as últimas analíticas completas foran feitas no 2015.
Esta afirmación é completamente falsa. As fontes sempre se analizaron de forma regular e seguindo a normativa, e naquelas nas que se sabía que a poboación recollía auga, facíanse controis cada mes ou cada dous meses como máximo.
Aínda que o Partido Popular xa nos ten acostumbrados/as ás súas malas artes, isto é a gota que colma o vaso, e parécenos inadmisible que unha concelleira poda verter nun plenario mentiras deste calado sen ter proba algunha.
A pesares de que se defendan atacándonos o verdadeiramente importante é que nós conseguimos o noso obxectivo, que era que a moción saíse aprobada polo ben da cidadanía da Guarda. Agora toca seguir de preto que efectivamente cumpran ditos acordos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario