13 de abr. de 2024

A GUARDA

A GAMELA "MINXOS", NAVEGANDO POLOS MARES DE LUÍS VAZ DE CAMÔES


A gamela guardesa "Minxos" navegando pola badía de Vila do Conde
Foto: Joaquín Cadilla


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A gamela guardesa "Minxos", da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, de A Guarda, atópase nas augas da badía da cidade lusa de Vila do Conde. 

 Como xa saben nosos amables lectores, nesta fin de semana - 13 e 14 de abril de 2024 - está tendo lugar nesa localidade portuguesa, o XII Encontro de Embarcaçôes Tradicionais e a IX Exposiçâo - Mostra de Embarcaçôes Tradicionais. E neses eventos, a gamela guardesa está representando á tradición mariñeira de A Guarda. E faino, grazas á vontade e afouteza dos membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro. 

 Dese xeito, a gamela "Minxos", que na súa vela de ala de pardela - como decía noso relembrado escritor, etnógrafo, ensaísta e poeta Eliseo Alonso Rodríguez, entrañable amigo dos mariñeiros de A Guarda -, leva uns versos - "Deixaime bolinar á eito neste valse (...) - extraídos da edición bilingüe (castelán-galego) do poemario De mar a mar. Poemas (1932-1933) - de Feliciano Rolán Vicente, coroados pola súa efixie; suca nestes días calorosos de abril, as augas do porto de Vila do Conde, navegando polos mares de Luíz Vaz de Camôes. 

 Non queremos rematar esta crónica, sen indicar que a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, como entidade anfitrioa, ten marcado no calendario oficial de actividades da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (culturmar) para os días 12, 13 e 14 do vindeiro mes de xullo de 2024,  un evento marítimo cultural dos pobos do norte de Portugal e Galicia, a celebrar no porto e vila de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario