14 de abr. de 2024

A GUARDA

LIROLAI HOMENAXEOU AO POETA MANUEL DA VENTOSELA

 Na presentación do videoclip "Canción do Mariñeiro"


O grupo de música tradicional Lirolai, do Rosal nun momento da súa actuación
O respectable público ateigou o salón de plenos do Concello de A Guarda
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda  

 Na tardiña de onte sábado, 13 de abril, no Salón de Plenos do Concello de A Guarda, o grupo de música tradicional Lirolai, do Rosal, presentou o seu novo videoclip, "Canción do Mariñeiro".  

 O entrañable evento cultural contou coa asistencia do alcalde e membros da Corporación Municipal de A Guarda, e tamén representantes do Concello do Rosal; compoñentes da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro; e unha representación da veciñanza do Rosal, A Guarda e doutras localidades da comarca do Baixo Miño.

 A "Canción do Mariñeiro", inspirada no poema do poeta rosaleiro Manuel da Ventosela e musicada por Celso Diego Martínez, retrata a dura vida dos mariñeiros e o profundo vínculo co mar.  

 A gravación deste videoclip -  realizada por Chile Estudio, do guardés Alejo Rodríguez - levouse a cabo en xuño do pasado ano nas costas da Guarda a bordo do volanteiro "Piueiro", embarcación tradicional recuperada en boa hora, por iniciativa da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, e construída na empresa Astilleros El Pasaje S. L., baixo a supervisión directa do inesquecible Domingo Carrero Álvarez "Minxos", mestre carpinteiro de ribeira. 

 Previamente a presentación do videoclip - e tamén con posterioridade -, o grupo de música tradicional Lirolai interpretou varias pezas do seu amplo repertorio musical que foron correspondidas cos merecidos e incondicionais aprausos do respectable público que ateigaba o salón de plenos do concello guardés.

 No ecuador do acto, que foi coordinado por Rafael Martínez Rivero, membro de Lirolai; o investigador e xornalista Juan Ramón Martínez Barbosa, fixo unha pormenorizada descrición biográfica do poeta e xornalista Manuel Álvarez Rivero, coñecido como Manuel da Ventosela.

 Asemade, na devandita presentación, houbo espazo para outras intervencións, entre elas á do alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero,  e a do presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla Castro. E tamén uns momentos nos que o grupo de música tradicional Lirolai agradeceu cuns agasallos feitos por usuarios do Centro San Xerome, de A Guarda, as distintas colaboracións que fixeron posible este novo fito na traxectoria musical de Lirolai.

 Foi, en definitiva, todo un agasallo que Lirolai brindoulle á vila de A Guarda e quixo compartir coa súa veciñanza, pondo dese xeito en valor as boas relacións de colaboración e irmandade, existentes entre dous pobos veciños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario