4 de mar. de 2024

O ROSAL

A primavera trae ao Rosal unha intensa programación cultural  

 Probas deportivas, concertos, actividades reivindicativas, formación e literatura coparán a axenda de lecer rosaleira durante os meses de marzo e abril    




Infogauda / O Rosal  

 A primavera chega con forza ao Rosal e cunha morea de actividades baixo o brazo. Durante os meses de marzo e abril, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dunha intensa programación cultural e unha axenda de lecer na que probas deportivas, concertos, actividades reivindicativas, formación e literatura serán as grandes protagonistas.  

 “Seguimos apostando por encher o noso concello cunha oferta cultural diversa e para todos os gustos, cun abano amplo e variado de opcións coas que continuar poñendo en valor os espazos de lecer cos que contamos no Rosal”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Tras o éxito da última edición do Trail Adventure Muíños do Folón, que o pasado domingo reuniu a máis de 600 deportistas que desfrutaron da actividade física e da natureza nun percorrido de gran valor patrimonial, a programación cultural continúa esta semana cos actos do 8M, Día Internacional da Muller. Durante a xornada celebrarase ás 12.00 horas unha concentración na Praza do Calvario que contará coa lectura do manifesto a cargo do alumnado de 4º da ESO do CEIP Manuel Suárez Marquier. Ese mesmo día inaugurarase no salón de exposicións do Concello a mostra ‘Non sexas cómplice’. 

 Xa a vindeira semana, o sábado 16 de marzo teremos dobrete. Pola mañá, ás 10.30 horas, a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) organiza un interesante obradoiro - de balde e para todos os públicos - de construción de hotel de insectos na Aula de Natureza do Muíño das Aceñas. Pola tarde será a quenda da música co concerto solidario a favor da Asociación Galega de Fibrose Quística ás 19.30 horas no auditorio do Rosal. 

 Para quentar motores de cara a Semana Santa, o sábado 23 de marzo o Valinox Novás organiza en colaboración co Concello o ‘Orballo Fest’, unha xornada con entrada libre de música en directo con DJs, gastronomía e moitas sorpresas na Praza do Calvario. 

 Abril converterase un ano máis no mes do libro con varias actividades centradas na literatura. Así, o domingo 7, Biophila organiza en colaboración co Concello ‘A lingua das aves’, un roteiro pola natureza con saída ás 10.00 horas no Parque do Tamuxe. As persoas interesadas poden xa inscribirse ata cubrir prazas no 693 56 26 74.  

 O domingo 21 de abril a Praza do Calvario converterase no escenario ideal para acoller a Feira do Libro de Segunda Man, que estará aberta ao público de 11.00 a 20.00 horas. A programación de primavera rematará o mércores 24 de abril coa presentación do libro ‘Entre viñas e viños no val do Rosal’ do ilustrador rosaleiro Xosé Tomás ás 20.00 horas no auditorio municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario