27 de feb. de 2024

TUI

Francisco Díaz Fierros falará sobre “Ciencia, técnica e cultura na obra de Frei Rosendo Salvado

 Este xoves, 29 de febreiro, a partir das 20:00 horas, no Edificio “Francisco Sánchez”

  

Francisco Díaz-Fierros Viqueira 
Foto: Lmbuga

Infogauda / Tui

 Este xoves, 29 de febreiro, a partir das 20:00 horas, terá lugar na Sala Félix Rodríguez González, no Edificio “Francisco Sánchez”, a segunda actividade das “Xornadas Rosendo Salvado 2024” que organiza o Concello de Tui para conmemorar o aniversario do nacemento na nosa cidade do egrexio tudense Rosendo Salvado Rotea o 1 de marzo de 1814.  

 No segundo día das “Xornadas Rosendo Salvado 2024”, ocupará a palestra destas Xornadas Francisco Díaz-Fierros cunha conferencia titulada "Ciencia, técnica e cultura na obra de  Frei  Rosendo Salvado” .  

 Francisco Díaz-Fierros Viqueira (Vilagarcía de Arousa, 1941) é doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (1967), e catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola na mesma Universidade desde 1987. Como docente dirixiu 24 traballos de licenciatura, ademais de 16 teses de doutoramento.  

 Conferenciante e membro de numerosas sociedades científicas nacionais e internacionais, ten participado en máis de trinta proxectos científicos ou técnicos financiados, ben como membro do equipo ben como investigador principal ou director. Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural entre 1975 e 1980, tamén ocupou o cargo de presidente da Sección I (Física do Solo) da Sociedade Española de Ciencia do Solo entre 1988 e 1996.  

 Desde 1980 membro do Consello da Cultura Galega, primeiro como coordinador da Sección de Patrimonio Natural (1983-1998) , a partir de 1999 coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade e, desde xullo do 2002, vicepresidente primeiro da institución. Ademais destes postos, Díaz Fierros é académico numerario da Real Academia de Farmacia. Sección de Galicia (2000) e académico correspondente da Real Academia de Farmacia do Instituto de España. Desde 1999 ocupa o cargo de director da Colección Historia Natural do Proxecto Galicia, de Edicións Hércules.  

 Díaz-Fierros desenvolveu distintas liñas de investigación nos seus traballos: os factores de formación do solo, as propiedades físicas de solos de zonas húmidas, a avaliación e cartografía de solos de Galicia e zona húmida, a erosión, os procesos de degradación de superficies queimadas ou a paleoecoloxía, son algúns dos ámbitos que estudiou nas súas numerosas publicacións científicas.  

 O profesor Díaz-Fierros, cun amplo bagaxe humanista, ven traballando na figura de Rosendo Salvado dende hai anos, sendo responsable das exposicións realizadas en Tui no ano 2000 (coincidindo co centenario da súa morte) e 2014 (arredor do bicentenario do seu nacemento) con numerosos traballos de investigación e divulgación sobre a figura e actividade de Salvado, sendo un dos grandes especialistas na súa figura.  

 Para Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, a presenza do profesor Díaz-Fierros resulta de gran interese polo amplo coñecemento que atesoura sobre Rosendo Salvado e que compartirá con todos os tudenses e interesados que se acheguen á súa disertación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario