26 de feb. de 2024

PONTEVEDRA

Xuntanza na Subdelegación do Goberno   

Abel Losada revisa o imparable avance do plan de banda ancha, que vai supor o tendido de 3,5 millóns de metros de fibra óptica ata finais do ano 2025  

O subdelegado do Goberno destaca que nestes momentos se están a completar as redes do Val Miñor, Baixo Miño, Arousa, Deza, Louriña e a Paradanta 

O Goberno simplificou a tramitación municipal dos permisos abrindo a porta a “tramitacións exprés” con declaracións responsables 

Losada recalca que o plan ÚNICO “é unha proba do que somos capa-ces nun país que está á cabeza da dixitalización en Europa e no mundo” 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, mantivo unha xuntanza de traballo con Óscar Barreiro, responsable da empresa Rede Aberta

Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, mantivo unha xuntanza de traballo con Óscar Barreiro, responsable da empresa Rede Aberta, adxudicataria para a provincia de Pontevedra da última convocatoria do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para analizar “a recta final” do plan ÚNICO-Banda Ancha para subvencionar o despregamento de fibra óptica, un operativo que vai chegar a outras 18.104 unidades familiares e empresas de aquí a finais de 2025. 

 Abel Losada destacou o esforzo inxente do Goberno de España por levar a conectividade dixital con velocidades simétricas mínimas de 100 “megas” ao segundo, escalables ata 10 “xigas” en función das necesidades do cliente, “ata o último recuncho do último municipio dunha provincia cunha densidade de poboación tan alta e tan dispersa como a nosa, mellorando así a nosa competitividade e facendo posible que todo o mundo desenvolva un proxecto laboral e de vida alá onde decida residir”. “Non hai mellor investimento para equiparar territorios que equiparar servizos”, insistiu.  

 O investimento total mobilizado polas compañías adxudicatarias das subvencións grazas ás axudas estatais nas tres convocatorias realizadas do programa ÚNICO-Banda Ancha alcanza case os 26 millóns de euros, facendo así posible a chegada de fibra óptica a preto de 55.000 fogares e empresas en zonas fundamentalmente rurais da nosa provincia. 

 O delegado de Rede Aberta explicou que xa están en marcha os traballos de tendido de fibra da anualidade de 2024 e en fase de planificación os correspondentes ata 2025, ano no1 que se alcanzará a cobertura en toda a provincia. A empresa, cunha adxudicación de 7.685.861 euros neste contrato estatal, ten previsto un investimento total na súa rede que chegará aos 9.675.858 euros, dado que se trata dun operador neutro que aluga a súa infraestrutura aos operadores provedores de servizos finais. 

 O subdelegado do Goberno valorou tamén o feito de que este último contrato do plan ÚNICO solápase coa última anualidade (ano 2024) do anterior, coa empresa Avatel. En total está previsto que na provincia de Pontevedra se instalen 3,5 millóns de metros de fibra óptica para levar o servizo a tódolos núcleos de aquí a decembro de 2025, “o que supón un gran esforzo de enxeñería para encaixar todo ese cableado principal e secundario e os nodos de conexión”. Estudouse, sobre o mapa, as zonas nas que xa se está tendendo cable, como son o Val Miñor (especialmente en Nigrán), o Baixo Miño, Arousa, o norte do Deza (Lalín, Agolada e Rodeiro) e a zona da Louriña (O Porriño, Mos e Salceda de Caselas), así como a Paradanta (Arbo e As Neves). 

 Ademais destacouse que a fibra estase instalando coa última tecnoloxía “XS Spon” que garante a máxima velocidade e o máximo alcance, ademais de chegar directamente ata os fogares e empresas (FTTH). Os avances tecnolóxicos que chegan con esta última convocatoria das axudas do plan estatal permiten, adicionalmente, velocidades que poden chegar ata os 10 “xigas”, un servizo que cada vez ten máis demanda, a pesar de que moi poucos clientes precisan deste ancho de banda. 

 Na xuntanza abordáronse tamén os problemas que están a xurdir na instalación do cable e que teñen que ver con permisos para instalación de postes, pasos por fincas e mesmo por fachadas que xa tiñan instalacións anteriores. A este respecto, o subdelegado trasladou as novidades normativas que se derivan da nova Lei de Telecomunicacións. O cambio facilita aos concellos a axilización dos permisos abríndolles a posibilidade de tramitacións exprés con declaración responsable ou comunicación previa. 

 Abel Losada concluíu que o plan ÚNICO-Banda Ancha “é unha clara aposta de país por parte do Goberno para situar a España á cabeza da dixitalización en Europa e no mundo”. “Esta é unha mensaxe que hai que trasladar a toda a sociedade para que sintan orgullo polo noso, polo que somos quen de facer e pola transformación que estamos acometendo da nosa economía no marco dun eixe estratéxico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que é a dixitalización”. O subdelegado concluíu que o avance imparable da fibra óptica polo noso territorio tamén exemplifica á perfección o grao de aproveitamento dos fondos europeos “fronte a algunhas mensaxes derrotistas que teñen pouco que ver coa realidade”. 

 O subdelegado do Goberno explicou tamén que aquelas persoas que, por imposibilidade material do tendido de fibra óptica, non dispoñan de conexión de banda ancha poden xa beneficiarse do Programa Único-Demanda Rural do Goberno, que ofrece unha conexión satelital ultrarrápida a Internet por un prezo fixo mensual de 35 euros e que está  adxudicada á empresa Hispasat. 

 O programa ÚNICO-Banda Ancha finánciase con fondos NextGenerationEU para alcanzar o obxectivo da universalización da conectividade ultra rápida en todo o territorio, así como a aceleración do despregamento de 5G, especialmente nas áreas rurais onde a rendibilidade comercial por parte das empresas operadoras ralentizaría a súa chegada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario