22 de feb. de 2024

OIA

A XUNTA DE GALICIA APOIA CON 1,8M€ O PROXECTO QUE REHABILITARÁ E DOTARÁ DE ÁREA DE RESTAURACIÓN O MOSTEIRO DE OIA, NO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA 

• A iniciativa é a primeira das beneficiarias da liña de axudas para a creación de establecementos turísticos en emprazamentos senlleiros do Camiño de Santiago 

 Esta orde de subvencións está incluída no marco do Plan Xacobeo Next Generation e mantén aberto o prazo de solicitudes para novas iniciativas ata o 18 de marzo 


Vista parcial do claustro do Mosteiro de Santa María de Oia
Foto: Infogauda


Infogauda / Oia

 O Consello da Xunta informou hoxe da primeira resolución da liña de axudas para a creación de establecementos turísticos en emprazamentos senlleiros do Camiño de Santiago no marco do Plan Xacobeo Next Generation. Este primeiro proxecto autorizado é o que foi presentado o pasado mes de novembro pola empresa Residencial Mosteiro de Oia, S.A, que suporá dotar ao Mosteiro de Oia de restaurante e que compatibiliza a creación desta oferta de restauración coa posta en marcha dun proxecto cultural dinamizador do turismo na contorna. 

 O proxecto conta cunha axuda de 1,8M€ (o 80% do investimento necesario) que sufragará, entre outras accións a reforma e rehabilitación do sistema envolvente e estructural, así como da contorna e sistema de instalacións, mellora de carpinterías, cubertas e envolvente. Tamén se inclúen actuacións de mellora en instalacións de iluminación e control, sistemas con contribución renovable, mellora de accesibilidade, entre outras. 

 A intervención sitúase no ámbito do Mosteiro de Oia, sito no concello de Oia, no Camiño Portugués da Costa. A chegada ao restaurante realizarase desde o Patio de Armas, mediante o acceso existente na praza fronte ao atrio da igrexa, o paseo polo Patio de Armas, con vistas á costa de Oia e ao Mosteiro finaliza no Patio de Oficinas, desde onde se accederá ao corpo principal do restaurante: a antiga enfermería. 

 Na planta baixa, a antiga enfermería será reconfigurada para albergar a recepción do restaurante, a zona de bar do restaurante e dous aseos adaptados para persoas con discapacidade. Estes últimos estarán precedidos por un vestíbulo que proporciona un acceso adecuado e con dobre porta. No semisoto, accederase a unha zona que permite o recoñecemento dos antigos muíños de gravidade, servindo como anexo ao espazo superior. Este espazo semisoto conta con xanelas que ofrecen vistas ao río Lavandeira e presenta un patio no seu testeiro oeste. 

Proxeto rematado en 2025 

 Na entreplanta, situada directamente sobre a planta baixa, crearase unha nova terraza vexetal orientada cara ao océano, desde a cal se poderá gozar da posta de sol. A nave norte, situada na zona do Patio das Laranxeiras, albergará o comedor principal do restaurante. Entre o corpo da antiga enfermería e a nave norte configurarase o espazo destinado á cociña, con accesos que conectarán ambos os espazos. 

  Desde o patio de oficinas, na Panda Norte do Claustro, situarase un espazo de consigna para os traballadores con acceso independente, así como os vestiarios e baños para o persoal. Como se establecía nas bases, a creación do establecemento turístico vai unida á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun ben de interese cultural (BIC). Neste caso o novo establecemento leva aparellada a rehabilitación do Mosteiro de Oia. Tamén se requiría que, polo menos un 80 % da capacidade temporal ou espacial anual destinarase a fins culturais. Neste caso concreto a visita pública será todo o ano, de martes a domingo, en horario 11:00 –13:00 h e 16:00 –18:00 h. A empresa deberá ter as obras acabadas o 31 de outubro de 2025. 

 Dado que o prazo de presentación de solicitudes para esta liña de axudas remata o 18 de marzo e que o orzamento da convocatoria é de 4 millóns de euros, aínda poden presentarse novas solicitudes que serán resoltas por orde de entrada, ao tratarse dunha convocatoria de concorrencia non competitiva. A liña de axudas diferencia dous tipos de proxectos: os que fomenten a competitibidade e sustentabilidade turística en establecementos senlleiros e os que busquen dinamizar o turismo cultural coa posta en valor de Bens de Interese Cultural. En ambos casos levará asociado a creación de novos establecementos que poden ser de aloxamento ou de restauración (restaurantes, cafeterías ou bares) e que estean situados en concellos do Camiño de Santiago. Tamén en ambos casos as axudas van dirixidas a pequenas, medianas ou grandes empresas. 

Plan Xacobeo Next Generation 

 Esta liña de subvencións enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia está facendo realidade cos fondos europeos que foron asignados á Comunidade galega co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. En concreto, forma parte dos 39,2M€ -dos que a Xunta xestiona directamente máis de 31M€- cos que se puxo en marcha o Plan Xacobeo Next Generation. Ademais desta liña de axudas, este plan inclúe a sinalización da rede cicloturística Eurovelo, que está en execución ou o proxecto de revalorización da Ruta Traslatio, en ejecución. Este Plan Xacobeo Next Generation comprende tamén a rehabilitación de 12 BIC do Camiño de Santiago. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario