27 de feb. de 2024

O BAIXO MIÑO

ANABAM: REXISTRO DE FAUNA MARIÑA NA COSTA DO BAIXO MIÑO   


Fotos: Agustín Ferreira e Xabier Garrido
     


Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

 A primeira hora da mañá de onte recibiamos chamada telefónica dando conta da presenza do cadáver dun golfiño nas proximidades da praia de Fedorento (A Guarda). Ata alí nos desprazamos, comprobando que se trataba dun golfiño riscado, concretamente un macho de case 2 m de lonxitude. Procedemos a notificalo aos compañeiros de CEMMAcetaceos, quen se desprazaron ata a zona para recoller mostras e tratar de averiguar as causas desta morte. Polo que comprobamos nós, a morte non se produciu por enmallamento nas redes de pesca, pois non presentaba sinais delas. Os enmallamentos son unha das causas da aparición de cetáceos varados.   

 Onte tamén rexistrabamos e recollemos o cadáver dun arao papagaio, un ave mariña propia do norte de Europa pero que é frecuente que se atope polas costas galegas. Característica desta ave é o seu peteiro aplanado lateralmente e de cores, sobre todo no verán. Tamén hai unhas semanas, nos enviaban as fotos dun arao dos cons, que apareceu morto na praia das Besadas (Mougás) Oia.

 En ANABAM recollemos toda a información que nos chega ou rexistramos directamente, das aves mariñas, mamíferos mariños, tartarugas mariñas, que se achegan ata a costa do Baixo Miño, estando en permanente contacto cos nosos colegas da CEMMAcetaceos.  

Noso agradecemento a: 

- Jesús Adrover, a Olivares e a Lúa, pola información da presenza do golfiño. 

- Xabier Garrido, pola información e fotografías do Arao dos Cons na praia das Besadas. 

- CEMMA pola información do Arao papagaio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario