19 de xan. de 2024

PONTEVEDRA

Esta mañá na Subdelegación do Goberno     

Abel Losada e Miguel Cortés impulsarán “a cultura da defensa” en toda a provincia

 O encontro permitiu que o subdelegado do Goberno na provincia coñecese de primeira man o labor da Subdelegación de Defensa en Pontevedra e ao seu responsable  

  

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, recibiu hoxe ao subdelegado do Ministerio de Defensa, o coronel Miguel Cortés
Foto: S. de G.


Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno, Abel Losada, recibiu hoxe ao subdelegado do Ministerio de Defensa, o coronel Miguel Cortés, para coñecer o labor deste departamento e comezar a traballar no impulso ás súas actividades en toda a provincia. O acto serviu tamén para que Cortés se presentara oficialmente ao novo subdelegado, dado que motivos profesionais impediron a súa asistencia ao acto de toma de posesión celebrado a pasada semana.    

 Abel Losada foi informado de todas as funcións que desempeña a Subdelegación de Defensa, que é responsable das xestións administrativas que teñen que ver coas máis de 4.000 persoas, entre persoal civil e militar, adscritas ao Ministerio na provincia. Ademais comprometeuse a impulsar a difusión da “cultura da defensa” a través do intenso calendario de actividades que a Delegación de Defensa organiza, en colaboración cos concellos. A próxima será unha exposición sobre Cartografía en Tui. A maiores coñeceu os detalles sobre as campañas de recrutamento ás que se anotan en torno a 600 persoas ao ano na nosa provincia, das que acaban traducíndose en incorporacións ás Forzas Armadas algo máis dun cento.     

 Ao tempo, o subdelegado destacou o impacto económico das Forzas Armadas na provincia, que xeran un importante movemento económico que os últimos estudos cifran por enriba dos 80 millóns de euros entre as remuneracións do persoal, contratacións e investimentos.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario