15 de dec. de 2023

OPINIÓN

A SECCIÓN SINDICAL DE CC.OO. NA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PIDE QUE AS LEAS POLÍTICAS DEIXEN DE LIXAR A INSTITUCIÓN E O LABOR DO SEU PERSOAL 




SECCIÓN SINDICAL DE CC.OO. NA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


 Nos últimos días estamos a asistir a unha serie de declaracións, vertidas polo grupo socialista na Deputación Provincial, sobre un presunto caso de corrupción por parte do alcalde do concello da Guarda quen, durante dous meses —non tres como afirman— cobrou unhas dietas as que non tiña dereito. O propio Roberto Carrero admitiu publicamente “un erro persoal manifesto, pero tamén administrativo” do que non se decataran nin el nin os servizos da Deputación responsables destes trámites. 

 Desde esta sección sindical, sen querer tomar parte nos enfrontamentos entre goberno e oposición, vémonos na obriga de manifestar a nosa defensa do persoal dos diferentes servizos da Deputación, persoas que fan o seu traballo con independencia da cor política que xestione o organismo en cada momento que poden cometer erros pero que tamén son quen de detectalos e corrixilos sen que niso haxa mala fe. Algo que desde as filas do PSOE deben saber perfectamente, porque cuestións similares aconteceron ao longo dos oito anos que gobernaron eles, e pasa tamén nos concellos que gobernan, como é o caso do de Vigo, onde tamén teñen pasado algunhas cousas… 

 Esiximos, pois, que se deixe de emporcar á institución e de utilizar as persoas que nela traballan en leas que nada teñen que ver co servizo que todas e todos debemos facer á cidadanía; que se axude a corrixir a actitude de confrontación que impera na sociedade nos últimos tempos, máis tendo en conta que estamos ás portas do Nadal, tempo no que a tradición avoga pola paz e a concordia entre os homes (e mulleres) de boa vontade. Deixen de xerar máis presión sobre quen ten que desenvolver as tarefas do seu posto de traballo cos medios que conta do mellor xeito posible, e traballen en prol de quen lles/nos paga o soldo. 

 E, sobre todo, deixen de confundir a cidadanía e de cegala con luz de gas.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario