O Mecalia Atlét4ico Guardés termina o 2023 en Xixón
• Enfrontarase ao Xixón este venres, ás 20:00 horas, no Pavillón da Area
• Tras gañar ao Beti-Onak na última xornada, o Mecalia Atlético Guardés quere continuar na senda da vitoria
• Cristina Cabeza: “Somos conscientes de que vai ser un partido moi complicado”
Redacción / Deportes
O Mecalia Atlético Guardés finalizará o 2023 en Asturias. Este venres 29 de decembro, ás 20:00 horas, no Pavillón da Area, medirase ante o Motive.co Xixón Balonmán A Calzada co obxectivo de sumar os dous puntos e repetir así o triunfo que conseguiu fronte ao conxunto asturiano na primeira volta disputada na Sangriña.
O equipo do Baixo Miño vén de gañar o pasado venres en casa contra o Replasa Beti-Onak, afianzando o seu sexto lugar na táboa. Pola súa banda, o Xixón atópase segundo pola cola tras caer ante o Elda Prestixio na última xornada. Por iso, o encontro pode presentarse como un partido difícil para o equipo galego ao enfrontarse a un rival que necesita escalar postos na clasificación.
Para este último partido de 2023, Cristina Cabeza contará con todas as súas xogadoras salvo as baixas xa coñecidas (Júlia Nuez e Nerea Solares). Será un encontro especial para a técnica madrileña, así como para as xogadoras Cecilia Cacheda e María Palomo, pois volven ao pavillón que foi a súa casa, esta vez no lado visitante.
Tras o envite deste venres, ambos os dous conxuntos volverán verse as caras moi pronto, a fin de semana do 20-21 de xaneiro, para disputar a eliminatoria da segunda fase da Copa da Raíña 2024. Será tamén en Xixón.
Cristina Cabeza: “Somos conscientes de que é un partido moi complicado”
En palabras de Cristina Cabeza: “Somos conscientes de que é un partido moi complicado, xa que elas empezaron a segunda volta con derrota en Elda e só teñen dous puntos. Non gañaron nin un só partido na súa casa. É unha das súas últimas oportunidades para empezar a sumar e sabemos que vai ser un partido de moita guerra”.
A técnica madrileña lembra que o Mecalia Atlético Guardés empezou a segunda volta con vitoria contra o Beti-Onak e manifesta o desexo conxunto de “manter o refacho, seguir enganchadas no grupo de arriba e afastarnos canto antes dos postos do play-down”, engade. Neste sentido, valora que “o equipo está ben, adestramos ben durante todas as semanas”. “Imos tentar conseguir unha vitoria que vai ser moi traballada de principio a fin. Temos que ser conscientes de que o partido dura 60 minutos e apertar desde o inicio para tentar traernos eses dous puntos”, conclúe.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola
Partido da Xornada 13
Motive.co Xixón Balonmán A Calzada – Mecalia Atlético Guardés
Venres, 29 de decembro, ás 20:00 horas
Pavillón da Area (Xixón)
Ningún comentario:
Publicar un comentario